Entidades sociais acusan á Xunta: “terrazas ateigadas, mentres se discrimina ás persoas con diversidade funcional”

Asociacións acusan á Xunta de marxinar a familias, maiores e persoas con diversidade funcional por non permitir abrir os centros de día, garderías e centros ocupacionais ata setembro. Unha decisión, di, que suporá grandes atrasos en terapias e axudas destes colectivos.

Por Galicia Confidencial | Verin | 04/06/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia informaba o pasado venres, 29 de maio, que os centros ocupacionais deberían permanecer pechados ata o 1 de setembro. Unha medida que obriga a persoas con diversidade funcional, nenos e a maiores a quedar na casa o que, para entidades que se encargan do seu coidado, supón unha marxinación.

Un profesional sanitario acompaña a unha persoa maior nun hospital. MÁXIMO GARCÍA DA PAZ-FUNDACIÓN A CAIXA
Un profesional sanitario acompaña a unha persoa maior nun hospital. MÁXIMO GARCÍA DA PAZ-FUNDACIÓN A CAIXA

Así, entidades como LIMISI, que traballa con persoas con diversidade funcional do rural, critica duramente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo por solicitar ao Goberno central, desde que comezou a fase 0, “avances e flexibilidade na desescalada no noso país”. Con todo, denuncia que el non fai o mesmo cos usuarios dos servizos sociais de Galicia. “Centros ocupacionais, centros de día e escolas infantís de Galicia teremos que permanecer pechados ata o 1 de setembro mentres noutras comunidades autónomas si van retomando o seu traballo”, denuncia nun comunicado.

Serán seis meses sen terapias e intervencións o que supón, segundo din, “anos de retrocesos nas persoas con discapacidade intelectual ao tempo que as súas familias se lles impide volver as súas vidas normais e poder conciliar”. Ademais, apunta que o confinamento prolongado pode xerar conflitos e tensións nestas familias. “Terrazas e praias ateigadas, mentres se discrimina ás persoas con diversidade funcional”, engade.

AS PRIVADAS, SI

Neste sentido, LIMISI, denuncia que as entidades privadas si poidan exercer o seu traballo. “Na comarca da Limia, LIMISI é o único centro ocupacional e gabinete educativo rehabilitador, isto pon de manifesto que todas as nosas familias estarían obrigadas a facer uns 100 quilómetros ida e volta ata a cidade se quixesen recibir terapias individuais”, denuncia.

Por iso, critica que, unha vez máis, “perde a xente das aldeas e perde a xente con menos recursos”, mentres se beneficia ás empresas privadas. “LIMISI naceu en Xinzo de Limia no 2002 e dende entón ofrecemos servizos e terapias a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse. Amosamos o descontento de usuarios e das súas familias e seguimos firmes no principio de inclusión e pola igualdade de dereitos de todas as persoas”, conclúe.

"ESTÁN PERDENDO MOITO"

Familiares de usuarios do centro de Raiola, tamén en Verín, tal e como recolle Diario do Támega, critican duramente esta medida porque os seus seres queridos "están indo a mal" porque non poden recibir as terapias que precisan. Tamén denuncian que se está vendo afectada a súa situación económica, xa que moitos teñen que deixar de traballar para coidalos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cando comece o novo curso escolar postCovid o problema será enorme para millóns de familias que envian aos seus fillos á Educación Pública (?) A ministra de educación está aproveitando o medo ao virus para colar un sistema educativo clasista e para ricos (esta debe ser a educación progresista do futuro!) https://twitter.com/00Gamela/status... Seguramente contará con moitos adeptos de clases favorecidas dispostas a sacar vantaxe da pandemia (?) Pero o voto non se pode solicitar dixitalmente para iso cómpre ir a Correos! Xa vemos de que pé coxean os gobernos autoritarios !!! Neguri - Galapagar ?