Feijóo xustifica o peche de centros de día porque os usuarios poden ser un "risco" de novos contaxios

Di que se estudará adiantar a apertura destes centros pero sempre "con criterios sanitarios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2020 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

"Son persoas que están na súa casa e acoden logo a un centro de día. Son un risco para eles,  para as súas familias e para os traballadores". Así xustificou este venres o presidente da Xunta a súa decisión de manter pechados estes centros ata setembro apuntando directamente aos propios usuarios. 

Unha persoa maior mira pola ventá
Unha persoa maior mira pola ventá | Fonte: remitida

"Que lle pode dicir aos milleiros de familiares e usuarios de residencias de día e centros ocupacionais que denuncian que vostede apremiaba a Pedro Sánchez para acelerar o desconfinamento e condena aos seus seres queridos a quedar confinados na casa ata setembro, algúns deles, con problemas mentais, de saude e mobilidade?". Esta foi a pregunta que lle fixo Galicia Confidencial tras as numerosas queixas dos familiares que estos días criticaron duramente ao Goberno galego por non pensar neste colectivo e nas graves repercusións que terán para eles continuar confinados ata setembro.

A resposta de Feijóo foi, cando menos, sorprendente, ao sinalar directamente aos usuarios como a causa do peche destes centros. Así, suliñou que reabrir estas instalacións é unha decisión dunha "enorme responsabilidade" e que se non se fai é porque os propios usuarios son un "risco" na propagación do coronavirus. 

"Estos centros non son residencias de internos, senón que os usuarios poden entrar e saír. E poden afectar a familias, traballadores e por iso nos parece que isto non é unha decisión menor", contestoulle a este medio. Con todo, non se pechou a que reabran antes de setembro sempre que "os criterios de sanidade prevalezan sobre calquera outro criterio".

Por iso, e para xustificar esta dura e polémica decisión lembrou que a Xunta aprobou un bono de 500 euros ao mes para que as familias poidan contratar a unha persoa "e facilitar a conciliación". 

SEN CRITERIOS

Con todo, esta axuda segue sen concretarse. Preguntado ao respecto, Feijóo dixo que a próxima semana coñecerase "a letra pequena" dese bono. Así, encadrouno no plan de reactivación e dinamización económica aprobado este venres no Consello, e que constitúe o marco económico da Xunta co que agora cada departamento autonómico ten que deseñar as medidas concretas. Entre outras cuestións, o Executivo autonómico decidiu reprogramar 800 millóns de fondos propios.


Feijóo asegurou que "nos primeiros días da próxima semana" darase a coñecer "o contido e alcance para poder pagar e cobrar os 500 euros para a conciliación de familias con maiores, discapacidade ou menores". "Espero que a próxima semana podámolo concretar", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Petición · Presidente Xunta de Galicia: Apertura Centros de Día · Change.org https://www.change.org/p/presidente...