O terceiro foro 'As mulleres que opinan son perigosas' desenvolverase a través de Internet

O programa do foro empezará o venres 26 de xuño ás 17,15 horas con Claudia Morán e Tamara Montero en representación de Xornalistas Galegas, que abordarán o tema 'As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2020 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

Os próximos venres 26 e sábado 27 de xuño celebrarase a terceira edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', un encontro de xornalistas que neste ano 2020 vivirá unha edición diferente, xa que se desenvolverá a través de Internet.

A iniciativa foi presentada este xoves pola presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e as organizadoras deste evento, Susana Pedreira e Diana López.

Carmela Silva lembrou que se o xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos pelexando para atopar o seu espazo.

"As xornalistas son o 63%, pero só o 15,5% da opinión está asinada por mulleres", sinalou, e, ademais, segundo revelou a presidenta provincial, "dos 100 programas e medios informativos máis relevantes, só o 25% está dirixido por mulleres".

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra indicou que "fai falta seguir reflexionando sobre a igualdade en todos os ámbitos" e advertiu de que "nas crises hai regresión". "Pero temos que pór en valor a súa importancia", apostilou.

Pola súa banda, Susana Pedreira destacou que a crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión serán o marco no que as invitadas reflexionarán neste foro deseñado desde Pontevedra e que reúne a mulleres de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura.

CONFINAMENTO E PRECARIEDADE

"Por culpa da COVID-19 tivemos que reprogramar o congreso, que se ía a celebrar en maio", comentou Susana Pedreira. "Decidimos que o confinamento e a precariedade tiña que ser o pano de fondo en 2020", abundou.

O programa do foro empezará o venres 26 de xuño ás 17,15 horas con Claudia Morán e Tamara Montero en representación de Xornalistas Galegas, que abordarán o tema 'As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións'.

Ás 18,00 horas, Clara Jiménez Cruz falará de 'Maldita.es: xornalismo para que non cha coen'. A directora da Marea, Magda Bandeira, disertará ás 18,45 horas sobre o tema 'Medios cooperativos con axenda propia e perspectiva de xénero. Proxectos colectivos'.

Na xornada do sábado 27 de xuño, ás 11,30 horas a xornalista Noemí López Trujillo exporá a súa visión sobre o 'Reporterismo feminista. A elección dos temas e as voces protagonistas'. Ás 12,15 horas será Anxos Caballero quen fale da 'Actualidade política. Humor e cor na crónica'. Finalmente as xornalistas Sara Vila e Selina Otero abordarán, ás 13,45 horas, a crise da COVID-19 desde unha perspectiva local cun enfoque concreto 'A educación que vén'.

Presentación en Pontevedra do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Presentación en Pontevedra do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta