"Os edís do PP non se falan, así non poden gobernar"

O líder do BNG no Concello de Santiago denuncia que hai 50 familias sen cobrar dende decembro a causa da guerra interna do PP en Santiago tras o estoupido do caso Pokemon. A posíbel imputación de edís do anterior goberno e o descrédito da política son outros dos temas desta, a primeira parte dunha entrevista de GC con Rubén Cela.

Por Walter Burns | Santiago | 25/01/2013 | Actualizada ás 07:55

Comparte esta noticia

Vostede publicou en Sermos Galiza que este é o peor goberno da historia de Santiago, por que?

Rubén Cela, ex-director xeral no bipartito e líder do BNG en Compostela
Rubén Cela, ex-director xeral no bipartito e líder do BNG en Compostela

En política non hai verdades absolutas, pero si é contrastábel que en toda a etapa anterior non houbo unha cadea de sucesos tan lamentábeis e que deixan ao Concello nunha situación tan límite. 

E como se chegou, na súa opinión, o Concello a esta situación límite?

Hai dúas razóns. A primeira son motivos extramunicipais. É absolutamente esperpéntico que en ano e medio teñamos dous alcaldes dobremente imputados. Ademais, temos un xefe de gabinete cesado e o que o substituíu tamén está imputado, temos a dous concelleiros tamén do grupo de goberno imputados e a unha xefa da area de Seguridade tamén imputada. E isto é moi probábel que non quede aquí. Hai un absoluto descontrol e desgoberno, malamente se pode gobernar cando os concelleiros do grupo de goberno non se falan apenas entre si. Son eles os que filtran informacións, son eles quen están todos os días a navalladas ...

E a outra razón?

Tamén se pode contrastar con datos obxectivos. Sufrimos cifras record de paro. Os últimos datos son máis de 9.200 desempregados no municipio. Temos EREs practicamente en todas as grandes empresas de Santiago. Temos o caso de UCO, un caso moi paradigmático, con máis de 70 traballadores no Polígono do Tambre e que cae fundamentalmente sobre todo por problemas de crédito, non por falta de carga de traballo ... 

Rubén Cela, do BNG de Santiago
Rubén Cela, do BNG de Santiago

Evidentemente as cousas non Concello están mal. Pero non importa o problema, importa a solución. Convocar eleccións, como pide UE, parece pedirlle peras ao olmo; pero se dimite Currás o seu sucesor pode ser imputado na Operación Pokemon pasado mañá. En definitiva, solventaríase algo coa dimisión do alcalde?

Posiblemente a dimisión de Currás non solucione todos os problemas do Concello, pero que non dimita si que vai empeoralos todos. É unha condición necesaria, non suficiente, pero necesaria.

Por qué?

Agora mesmo non ten ningunha lexitimidade para gobernar, non ten ningunha autoridade no seu partido e no seu grupo. Hai un cuestionamento social evidennte da figura do alcalde, e Currás representa a todos, os que votaron o PP e aos que non. Un alcalde non pode ter ese nivel de descrédito. En Santiago hoxe hai motísima xente que se avergoña do seu goberno, e iso non pode ser. 

Hai en xeral un descrédito da política na sociedade ...

Non poden pagar xustos por pecadores, non se pode meter todo na mesma saca. Quen a fai, ten que pagala, tolerancia cero. Máximo nivel de esixencia ...

... daquela vostede opina que un imputado debe dimitir automaticamente?

Eu non coincido con iso, non creo en posicións mecanicistas. O fundamental non é a imputación, senón as causas que motivan esa imputación. Por exemplo, eu pedín a dimisión de Conde Roa antes de que estivera imputado, a min non me facía falta que estivera imputado. Era unha persoa que recoñecera que non pagara á Facenda Pública!

Iso sabíase mesmo antes das eleccións, GC, por exemplo, publicouno ...

Sabíao quen o sabía, en calquera caso é responsabilidade de quen sabéndoo permitiu que fose cabeza de cartel. Hai dous planos diferentes. O legal, que debe ser garantista ...

Calquera é inocente até que se probe o contrario ...

... si, tes dereito a defenderte, deféndete diante da xuíza e que se respecten os trámites e tempos xudiciais. Pero ti tamén tes unha responsabilidade política, e iso implica asumir consecuencias.  Por unha cuestión de hixiene democrática ... Que onte Santiago saíse no New York Times polo caso de Currás, é unha anécdota pero é moi significativa. En vez de falar de Santiago, os medios levan unha temporada falando de todo o que fixo Conde Roa, Angel Espadas, todos os casos de supostas corrupcións que hai agora. Isto provoca que a xente pense que o Pazo de Raxoi é pouco menos que a cova de Alí Babá e que non confíe nin nos seus representantes nin nas institucións. Dende a perspectiva política, hai que actuar con celeridade e man dura. 

Sobre esta operación Pokemon publícanse mares de tinta. Dise que todos os concelleiros teñen os teléfonos pinchados, mesmo se publicou que hai dous concelleiros do anterior goberno (PSOE máis BNG) que tamén están imputados, ou foron chamados a declarar ... Teñen medo de que a Pokemon acabe salpicando ao bipartito anterior á chegada do PP?

Non teño absolutamente ningún medo de que nada disto toque ao BNG. 

Pero non o descarta respecto ao PSdeG ...

Eu son voceiro do BNG e poño a man no lume por todos os meus compañeiros, os que estamos agora e os que estiveron durante os doce anos de Goberno. A forma de traballar do Bloque en Santiago é absolutamente incuestionábel e iso lexitímanos para ser esixentes. Non esiximos nada que o BNG non se autoesixa. No caso da Pokemon, aí está como nos comportamos en Ourense e Lugo ...

E sobre como se comporta ou comportou o PSdeG ...

A min non me consta que chamasen a declarar a membros do anterior goberno. Publicado está que se decía que ían chamar a declarar a membros do anterior goberno, pero non se pode facer caso a todo o que se publica. Hai que ser cauto. Pero a nosa posición é independente do partido e da cidade.  A petición da responsabilidade de dimisións é para todo cargo público enmarcados na Pokemon imputados por estes supostos delitos que crean unha enorme alarma social.

E o nomeamento de Paula Prado, a concelleira líder dos edís do PP críticos co alcalde, como voceira de todo PP galego, é unha "patada para arriba" que pode axudar a que marche tamén Currás?

Sen lugar a dúbidas é unha "patada para arriba". Pero a verdade, eu xa me perdo nas liortas do PP de Santiago e xa me importa pouco. O que me preocupa son as consecuencias prácticas no día a día do Concello. Eu non pido que os concelleiros do grupo de goberno sexan amigos e queden todos os días a tomar café, o que pido é que traballen coordinadamente. E é evidente que agora mesmo iso non sucede. 

Poña un exemplo de como ese enfrontamento interno prexudica aos santiagueses ...

Moi fácil. Dende xuño en Santiago préstase o servizo de limpeza de instalacións do Concellos e o de limpeza dos centros educativos públicos de Santiago sen ningún tipo de contrato. Nós preguntaremos sobre isto no pleno e supoño que tamén o fará a xuíza. Non hai nada, pero ese traballo faise, o Concello non está pagando, agora mesmo entre as dúas empresas acumulan unha débeda de máis de un millón de euros. O problema é que algunha desas empresas, ao no cobrar, xa comezou a no pagar aos seus traballadores. No mes de decembro máis de 50 familias que dependen da limpeza dos centros de ensino público e as conserxerías non cobraron a súa nómina porque hai unha señora que se nega a asinar esas facturas, e hai un alcalde que tampouco as asina. Por H ou B, polas súas liortas, temos unha situación xurídica indefendíbel, e o máis problemático, 50 familias sen cobrar porque estes señores non se amañan entre si. Para min isto non é só impresentable, é humanamente, e teño que dicilo, desprezábel. 

Poñámoslle nome as cousas, o alcalde é Currás, a señora é ...

Rebeca Domínguez [a concelleira de Educación tamén imputada], a concesionaria das instalacións municipais é ISS e a concesionaria das conserxerías é Sermasa [filial de Vendex, presunto centro da trama corrupta desarticulada na Pokemon] . 

O BNG vai organizar un acto para pedir a dimisión do alcalde?

Nós non queremos darlle carta de normalidade a esta situación. Será o día 31, convocamos a toda a cidadanía a que veña con vasoiras e fregonas. Queremos escenificar que se non están dispostos a limpar o que mancharon eles, terán que facelo os veciños e as veciñas.

GC publicará nos vindeiros días a segunda parte desta entrevista, na que se aborda a inminente Asemblea Xeral Extraordinaria do BNG e os chamamentos no Bloque a recuperar a unidade do nacionalismo, entre outros temas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 33 comentarios

6 Un de ANOVA

Ai,canto medo ás eleccións teñen os da UPG e os do PP!. O pobo vai deixar sen postos en todalas cidades galegas aos conservadores sectarios e aos conservadores capitalistas

1 Non me digas

Pero de que eleccións falas sectario mesiánico? Se o que pides ti é que o PP nomee unha xestora! http://www.lavozdegalicia.es/notici...

5 Cantos sodes?

Rubén Cela pode inaugurar un novo xeito de gobernanza en Compostela. O que se desprende da súa experiencia de liberado perpetuo e home de confianza absoluta do xefe dos liberados perpetuos e tamén daqueles profesores de instituto que nunca máis na vida queren voltar a dar aulas e así seguir pontificando sobre o resto dos humanos. Cela tamén podería aplicar, no improblabe caso de que chegue a ser alcalde Santiago, aquilo de contratar como asesores ou asesoras, mulleres ou compañeiras de liberados perpetuos do BNG. Caso dun alcalde galego coñecido de Rubén Cela.

1 Dixolle a sartén

O problema que tedes cando intentades criminalizar o feito de ser cargo público ou traballar nun partido político é que vos tamén o facedes. E PEDINDO GRANDES DESPACHOS ADEMAIS.

2 ssss

Si cantos sodes foran coerentes ca sua trasnoitada etica, votarian polo BNg nas derradeiras eleccions, xa que por so un ducia de votos non tivo Compostela un alcalde progresista e non ter que pasar polo bochorno de oxe, pero se non hai sentidiño, que lle vamos a facer.

3 un galego

impresentable comentario do señor "Cantos sodes?", sempre coa mesma leria, ou non coñeces a Rubén ou falas por falar. Canta tontería canta

4 Jennifer

Este comentario é suficientemente machista como para ser eliminado. Implicitamente estás a considerar que mon é válido o traballo desenvolvido por mulleres.

5 Ameneiro

Eu non lle vexo o machismo xa que insinua un caso concreto. Eu penso quue pode haber fillos e fillas, donas, esposos, curmans, amizades e demais de cargos públicos moi válidos para exercer un posto concreto, pero por eso deberian ser o mais transparentes posible, e mais o proceso de selección dese persoal, porque oposicións co nome e curriculum de alguen, todos podemos coñecer, e non só nas institucións que governa o PP.

6 Cantos sodes?

Xa estamos coa chantaxe típica e tópica, camarada Jenniffer. Tes un deixe no falar típico de "independente ligada á UPG". Desas que van nas listas electorais facendo como que se non.

4 Angelito

Muy bien Rubén. Y tu tomando parte en la "liorta" a favor del enemigo. De Ntra. Sra. Paula Prado: trabajadora, brillante, seria...Al final unha joia. Un acierto pleno del PP y de Feijóo. Y un acierto político tuyo innegable. El BNG apoyando la cúpula del PP. Así los vecinos de Santiago en 2014, no podrán votar a nadie del actual des-gobierno ni de la actual des-com oposición del BNG y del PSOE. Bra-vo!!!.

1 DACORDO

Que ti poidas extraer desta entevista que Rubén Cela apoia a Paula Prado non di moito ao teu favor como lector.

2 Angelito

No fué como lector, fué como escuchador y escuchado en varios medios. Será que Ntra Sra Paula y San Rubén tienen en comùn lo principal de los objetivos polìticos de los que fian su futuro? Vamos, a vivir del asunto. O es que apoiará su futura investidura o un gobierno centrado en el fuerte espìritu nacional español?.

3 A palabra ao pobo

Eu vou discrepar algo co Bloque, quero disolucion da camara PERO antes que modifiquen a lei para que haxa novas eleccions. NADA de que o PP se nomee a si mesmo para seguir cunha "xestora" que é o que pasaria agora. Se non a cambian, dimisión de todos os encausados e que entren novos concelleiros do PP non imputados pero que fosen na lista. Nada de tecnocratas

2 un galego

moi ben Rubén Cela, moi ben moi ben o BNG, como sempre