Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/01/2013 | Actualizada ás 11:53
O Santiago Futsal acusou as importantes baixas cas que se presentaban no partido. O equipo presentábase a esta cita con baixas importantes como a do capitán David e as xa coñecidas de Barroso, Hugo e Mario Costa.
O inicio foi bastante igualado con ocasións para os dous equipos. O Santiago Futsal dispuxo das primeiras ocasións por medio de Jorge, que puido adiantar ós locais nos primeiros minutos. Sen embargo, o Ríos Renovables non se botou atrás e, pouco a pouco, comezou a dominar na pista. Dous tiros consecutivos dos visitantes na mesma xogada fixeron que Barrón se lucise para salvar ó cadro galego.
O dominio do equipo navarro era evidente no terreo de xogo. Así, no minuto 11 chegou o primeiro gol visitante con un tiro de Andresito dende a parte esquerda que Barrón non puido rexeitar.
Muda o partido
O gol cambiou o partido e o equipo santiagués veuse arriba con dúas ocasións que non chegaron a subir ó marcador. A máis clara, un dous contra un que errou Diego Quintela mandando o balón ó poste. Xusto cando o cadro galego parecía estar rozando o empate, unha preciosa bolea de Anós entrou pola escuadra dereita da portería compostelá, tirando por terra o traballo dos últimos minutos.
A partir de aquí o partido conxelouse e as ocasións brillaron pola súa ausencia. O equipo tudelano chegou ó descanso con unha renda maior que ó fútbol mostrado no terreo de xogo.
A segunda metade comezou como esperaba o público do Sar, cun Santiago Futsal moito máis agresivo que na primeira parte do encontro. Numerosas ocasións nos primeiros minutos fixeron que o público se viñese arriba e asubiase calquera acción visitante. Esa mesma presión axudou ó conxunto santiagués a recortar diferenzas nun disparo de Pazos que se colou pola esquina inferior dereita da portería navarra.
Por moito que o intentaba o equipo local, parecía ser a noite tanto de Ríos Renovables como de Carlos Anón. No minuto 26, Anón plantouse nun man a man que non errou. O partido estaba moi costa arriba para os de Santi Valladares cun 1-3 no marcador.
A remar contra vento e marea foi ao que se dedicou o equipo compostelán nos seguintes minutos ata que o martelo visitante rematou o partido no minuto 35. Andresito puxo o 1-4 e o partido quedaba practicamente sentenciado.
Duelo de golpes e vitoria visitante
Despois de este tanto, o Santiago Futsal recortou distancias cun gol de Alan no minuto 16. Santi Valladares decidiu sacar a David Pazos de porteiro-xogador, pero pouco lle durou o experimento. No minuto 18, Nano cerraba o partido e de nada serviu o tanto de Raúl Campos na xogada seguinte.
Esta é a primeira derrota do Santiago Futsal por primeira vez na casa. O Ríos Renovables Ribera Navarra tivo moita sorte e unha polémica actuación arbitral. Os colexiados foron despedidos entre asubíos da afección local e protestas do equipo de Santi Valladares. O cadro santiagués cae ata a quita posición da táboa despois da sorprendente vitoria de Triman Navarra sobre o FC Barcelona, próximo rival santiagués.
Do corresponsal en Santiago Fran Rego @Kanhotas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.