"Só un gran movemento social conseguirá uns coidados dignos para os nosos maiores"

As residencias non reverten a súa precariedade, os centros de día mantéñense pechados, a sanidade séguese resintindo e, no conxunto, o sector da dependencia clama ser reformulado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Barbarie". Con esta palabra cualifica Francisco Vázquez, membro de MODEPÉN, o funcionamento do sector da dependencia en Galicia. "O nivel de privatización é inmenso, a calidade é moi mellorable e os prezos son carísimos para a inmensa maioría dos usuarios". Nada disto é de agora. A problemática leva anos "ignorada" ata que de pronto a crise da Covid a colocou no centro do debate, precisamente, polas consecuencias "xenocidas" que provocou tanto tempo de desatención dos servizos dos nosos maiores por parte da administración.

Protesta en Cangas pola xestión das residencias durante a crise
Protesta en Cangas pola xestión das residencias durante a crise | Fonte: © Miguel Núñez

Coas feridas ocasionadas polas privatizacións de residencias e hospitais aínda abertas, faise urxente, falan dende o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas, a "construción dun gran movemento social amplo e transversal que reivindique o dereito cidadán a uns coidados dignos no solpor da vida" a través duns servizos sociais "100% públicos, universais e de calidade". Baixo esta premisa, centos de persoas convocadas por Modepén xunto con TReGA - Traballadoras de Residencias Galegas - e Asociacións de familiares de ingresados en residencias - entre elas, Vellez Digna -, percorreron as rúas de Santiago de Compostela o mércores desta mesma semana.

OUTRO MODELO DE DEPENDENCIA

"Hai uns intereses enormes en contra de que estes servizos poidan existir, e cremos que a única maneira de esixilos é mediante a mobilización", explica Vázquez. Ese "mundo en rosa" que debuxaron as empresas "en connivencia coas autoridades políticas" veuse abaixo no momento en que a Covid furou sen reparo nas residencias de maiores privadas, onde "o risco de morrer foi 24 veces maior ca nunha residencia pública".

Con todo, o problema da dependencia vai moito máis alá e incumbe as raíces mesmas do modelo no que a sociedade está instalada. "As residencias non poden ser o elemento central do sistema. Este ten que pivotar sobre o dereito a envellecer na casa, un principio básico que hai que garantir mediante fortes servizos de proximidade, municipais", defende Vázquez, que pousa os ollos nos países nórdicos como modelo.

A chamada 'crise dos coidados' pon en primeiro plano a necesidade de "organizar un modelo de coidados diferente" que reduza a "enorme demanda residencial da que se aproveitan os fondos voitre". "As residencias non poden ser macrocentros como cuarteis, senón que non deberían superar as 50 prazas para facilitar a convivencia e a atención individualizada; ademais da necesidade de reformular as relacións entre o sistema sanitario e o sistema de residencias", aposta Francisco Vázquez. Outro dos puntos críticos versa sobre o elevado prezo dos servizos: unha praza nun centro sen ánimo de lucro rolda os 1.500 euros mensuais e nun centro con ánimo de lucro supera os 2.000 euros. "A xente arruínase. Cando eu traballaba na sanidade galega sempre diciamos que queriamos evitar o que acontecía na americana. Pois no sector da dependencia xa é unha realidade".

AS RESIDENCIAS, DE LOITA EN LOITA

A pesar de que a Covid-19 evidenciou todos os fallos do sistema, polo de agora nada cambiou nas residencias de maiores, que seguen "nas mesmas dinámicas de sempre": "Ameazas e represalias, ratios de persoal que non se cumpren en ningunha categoría, roubos de salario, falta de licenzas retribuídas... Estamos outra vez na loita", relata a portavoz do colectivo de Traballadoras de Residencias de Galicia (TReGA), Sonia Jalda. "Por parte da coordinadora chegaron a dicirnos que se a Covid volve entrar, será culpa dos traballadores", denuncia.

A situación vivida durante esta pandemia era "perfectamente evitable" se houbese o "persoal suficiente e cualificado para abordar a situación". Lonxe diso, a precariedade que os traballadores destes servizos levan denunciando na rúa "desde o 2012" pasou a gran factura que xa coñecemos. "As inspeccións de traballo sempre estiveron totalmente compradas, porque as residencias queren gañar máis do que xa gañan a conta de recortar dereitos laborais", denuncia Jalda. Mentres, Feijóo "limpa a súa imaxe nos dous periódicos máis importantes, subvencionados por todos os galegos". Por iso, e fronte á desinformación, á falta de equipos de protección e de persoal, as traballadoras esixen unha Lei de Residencias a nivel estatal e un servizo "público e de calidade". "A Covid non marchou e nós seguiremos loitando ata que nos escoiten", conclúe. 

OS CENTROS DE DÍA, PECHADOS

Os centros de día, outra das patas fundamentais do sistema de dependencia actual, mantéñense tamén no centro da polémica debido ás ordes contrapostas anunciadas por parte da Xunta de Galicia. Que a estas alturas sigan pechados está provocando que moitas familias, "en contra da súa vontade", teñan que recurrir a "meter os familiares en residencias" para poder conciliar a vida familiar e laboral. Nun primeiro momento, a Xunta preparou un protocolo de reapertura pensado para que os centros abrisen as súas portas o luns, 1 de xuño. Xusto o venres anterior, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu e anunciou que esta reapertura non ía producirse ata setembro. Este cambio de parecer levantou grandes protestas entre os familiares, usuarios e os propios centros de día.

Hai pouco, a Xunta deixou aberta a posibilidade de ofrecer unha atención individual e con cita previa, opción que tampouco convence no sector. "É totalmente inviable; os centros de día non son gardarías, son centros de terapias continuadas", explica Chelo Ferreiro, directora de Raiola, o centro de día de Verín. Ademais, as familias tamén empregan os centros de día para poder conciliar a vida laboral e familiar. "O dano está feito desde moitas perspectivas; está claro que é unha tomadura de pelo máis do señor Feijóo, que busca solucións para grandes empresas e que se dedica a facilitarlle a vida aos seus amigos".

Coas portas pechadas "a cal e canto" e todos os traballadores en ERTE, Ferreiro teme polo futuro do centro de día de Verín, que cumpriu o seu primeiro ano de vida no medio do confinamento. "Isto vai ser unha ruína a todos os niveis", di. "As familias, ao non poder conciliar, vense obrigadas a mandar os maiores a residencias. Ao mellor Feijóo o que buscaba co peche dos centros de día era xustamente iso", explica Ferreiro, que pide directamente ao presidente que "se moleste en falar coas familias" e "vexa a súa desesperación e as súas lágrimas como as estou vendo eu"

E é que o peche dos centros de día trastoca todo o traballo que levaban facendo dende hai un ano. "Os nosos maiores están retrocedendo en avances a nivel físico e cognitivo. Estanse vindo abaixo. Cóntanme como deixan de comer, como deixan de moverse, como pasan de camiñar a estar nunha cadeira de rodas... Unha das miñas usuarias, que tivo un retroceso tremendísimo desde que pechamos, acaba de falecer", lamenta a directora de Raiola. "Estamos sufrindo de verdade. Cómpre abrir".

Só se poñemos o modelo de dependencia no centro do debate poderemos conseguir uns "coidados dignos e unha vellez digna para os nosos maiores", lonxe de privatizacións, especulacións e precariedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lad

Hai fotos que o din todo... A foto con Dorado navegando pola ría e a foto entregando o premio de empresario do ano á xefa das residencias Domus-Vi.