Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/06/2020 | Actualizada ás 11:56
A noite de San Xoán, sen fogueiras nas praias e limitadas na súa maioría a espazos privados, polas limitacións impostas para a súa celebración en espazos públicos, concluíu sen incidencias, segundo informaron a Europa Press desde o 112 Galicia.
O mesmo sinalaron desde distintos corpos de bombeiros consultados por Europa Press. "Foi unha noite tranquila", apuntaron desde os bombeiros da cidade herculina, precisando que non tiveron que realizar saídas por este motivo.
Nos mesmos termos manifestáronse desde os bombeiros de Teis-Vigo, remarcando a normalidade a este respecto e a ausencia de incidencias nunha noite que foi atípica polas restricións impostas pola COVID-19.
E é que a prohibición de celebrar fogueiras nas praias, como o caso da Coruña, onde cada ano se reúnen miles de persoas, foi a tónica xeral dos concellos costeiros. Tamén se prohibiu a celebración en espazos públicos na maioría dos casos, limitando só a posibilidade de fogueiras en propiedades privadas, previa autorización e cumprindo as medidas esixidas pola pandemia.
Si se permitiron sardiñadas e churrascadas previa solicitude por parte de locais de hostalaría, como o caso da Coruña, ou das persoas interesadas en realizalas, previa tamén autorización municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.