De quen é a responsabilidade dos falecidos nas residencias?... Tensión aberta entre Xunta e DomusVi

Un documento enviado pola directora do centro DomusVi-San Lázaro en Santiago abriu unha división entre a Xunta e a empresa. Traballadores do centro aseguran que a directora ten prohibido falar coa prensa. A Consellería de Política Social defende a súa xestión mentres que Sanidade garda silencio.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os familiares de usuarios na residencia DomusVi San Lázaro en Santiago de Compostela, reclamaron en varias ocasións a intervención por parte da Xunta desta residencia. Pedían o mesmo tipo de actuación que o executivo galego levou adiante nas residencias da mesma empresa en Aldán, Cangas do Morrazo e Barreiro, en Vigo. Finalmente, o número de falecidos en San Lázaron chegou aos 53.

Familiares de residentes da DomusVi Aldán protestan polas carencias deste centro
Familiares de residentes da DomusVi Aldán protestan polas carencias deste centro | Fonte: remitida

A polémica veu case un mes e medio despois cando o avogado das vítimas, Antón Pérez-Lema volveu sacar á luz un documento enviado pola directora do centro San Lázaro. En tres folios Gloria García explicaba cal era a situación da residencia, os esforzos que estaban realizando e que a Xunta tardara en responder ao seu chamado de axuda. A raíz da reaparición deste documento Xunta e DomusVi “agora están en guerra” como di unha das traballadoras do centro.

DOCUMENTO SELECTIVO

A carta que escibiu a directora do centro de San Lázaro, Gloria García, foi enviada por whatsapp a algunhas das familias con parentes dentro da residencia. “Foi un documento que enviaron a familias que están por privado” di Javier Quián da Asociación de Familiares DomusVi San Lázaro. “É certo, as familias que tiñan prazas concertadas Xunta-DomusVi non lles chegou esa carta” di Alfonso García de CC.OO, quen tamén cualifica esta actuación desde a residencia como “mercantilista”.

“Hai casos que poden pagar 3.600€ a fin de mes” sinala Javier Quián. “Hai familiares que se senten desprezados porque os indignou esta actuación” di Alfonso García. Xunto a isto, Gloria García falaba da falta de atención por parte das autoridades autonómicas. Pasados catro días, varios usuarios foron derivados a centros médicos públicos e privados.

Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago
Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago | Fonte: DomusVi

“O que sucedeu é que esta muller dixo máis do que debera dicir” sinala Paulino Campos da Fundación REDE. “Tiña medo que os usuarios privados deixasen a residencia” apunta Campos. Se estas familias deixaban San Lázaro, con elas tamén se iría unha gran cantidade de ingresos. Mentres, varias familias baixo o réxime concertado Xunta-DomusVi, rexeitaron volver á residencia de San Lázaro ante o que consideraban unha actuación “terrible”.

Javier Quián lembra que Gloria García “me chamou preguntándome se podía conseguir material de seguridade, máscaras e luvas”. Ante esta petición, Quián preguntou se a residencia non tiña os seus equipos de seguridade. A resposta foi que os tiña baixo chave, mais que había medo de que se esgotasen axiña.

Os familiares pediron a intervención da Xunta sobre DomusVi-San Lázaro, tal como se fixeran nas residencias de Cangas e Barreiro, esta última en Vigo. “Enviáronse oito emails preguntando a Política Social e ao SERGAS se se ía intervir, e se non o facían preguntabamos por que” di Quián. Todo permaneceu en silencio ata que a carta de Gloria García “reapareceu”.

DOMUSVI RESPONDE

Galicia Confidencial contactou con DomusVi que remitiu a este medio ao seu gabinete de prensa. Nunha conversa telefónica, indican que a empresa non ten previsto facer ningún tipo de rolda de prensa ademais de que non saben cal será o futuro da directora de San Lázaro. Destacan que a situación en que se desenvolveron os feitos era de “crise sanitaria e de pandemia, cun cadro de persoal que afrontaba unha serie de dificultades derivadas desas circunstancias”.

Segundo as respostas enviadas por DomusVi, o virus entrou facilmente na residencia de San Lázaro por seren os usuarios persoas cunha media de idade de 87 anos e “presentan patoloxías múltiples, son extremadamente vulnerables” e “esta realidade explica a incidencia do coronavirus dentro das residencias”. Engaden que “por iso, todos os traballadores de DomusVi San Lázaro sentimos profundamente o que sucedeu e a dor das familias, que compartimos”.

Á pregunta de se o SERGAS actuou ou non de maneira rápida prestando todos os medios necesarios, a empresa asegura que a reacción da mesma foi rápida, cunha implicaión total por parte de todo o cadro da residencia San Lázaro “sempre baixo as indicacións da autoridade do SERGAS”. A falta de persoal que denunciaban traballadores e traballadoras foi asumida mediante a contratación de “auxiliares, médicos ou enfermeiros para garantir as necesidades de todos os residentes e sempre baixo as indicacións da autoridade sanitaria”.

En relación a isto último, DomusVi apunta que entre a residencia e o SERGAS houbo un “contacto permanente” desde que apareceran os primeiros casos. “Informamos ás autoridades sanitarias, á Área Sanitaria” para ir “organizando todos os procedementos e todas as actuacións”. A residencia, segundo a  propia empresa, está libre de coronavirus.

POLÍTICA SOCIAL E SERGAS

Os departamentos que dirixen Fabiola García, Política Social, e Jesús Vázquez Almuíña, Sandiade, son os dous organismos sobre os que recae a xestión da crise por coronavirus en residencias de maiores. As residencias seguirían protocolos establecidos polo SERGAS. Sobre o caso de DomusVi San Lázaro e as palabras da directora Gloria García, que se tardou catro días en ter resposta desde as autoridades sanitarias, Galicia Confidencial tamén contactou coas dúas consellerías.

A primeira foi Política Social que enviou unha resposta mediante email que quería dar conta así ás catorce preguntas que se lle formulou. En primeiro lugar, o departamento de Fabiola García respondeu que “todas as residencias de Galicia, tamén as de DomusVi, dispuxeron dun protocolo de actuación elaborado polo comité clínico que asesora á Xunta de Galicia”.

O comité clínico está formado por trinta e cinco persoas que inclúen os xerentes de cada unha das áreas sanitarias, inluída Eloína Núñez, prima do presidente da Xunta. A eles súmanse o director  da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia 061, José Flores Arias e un elenco de especialistas en diversas áreas médicas.

Política Social respondeu tamén que a declaración do estado de alarma implicou a tutela de todos os centros por parte das autoridades sanitarias. Esta situación de tutela por parte das autoridades sanitarias “mantense a día de hoxe”. Engaden tamén que por ser unha emerxencia sanitaria, “todas as decisións que se tomaron estiveron fundamentadas en criterios sanitarios”. Postos en contacto coa Consellería de Sanidade, esta volveu remitir a Galicia Confidencial á Consellería de Política Social.

Actualmente o acontecido en residencias DomusVi e outros centros privados para persoas maiores, está lonxe de coñecerse totalmente. O que si se apunta desde sindicatos e asociacións de familiares é un distanciamento entre Xunta e DomusVi, cando ata o de agora foran case da man. Algunhas das familias de falecidos e afectados dentro de DomusVi xa iniciaron trámites para levar adiante procedementos xudiciais contra esta empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Neta

Moitas grazas polo voso seguimento deste caso. Aquí tedes máis detalles: https://www.galiciapress.es/texto-d...