O Goberno de Rajoy adxudicou a Fábrica de Armas da Coruña a unha empresa coas contas falseadas

O TSXG confirma que Hércules de Armamento asinou facturas falsas por case 400.000€ uns meses antes deste concurso. O ex ministro de Defensa Morenés coñecía a irregularidade “dende o primeiro momento”, segundo o actual delegado do goberno. Un deputado do PSOE viu indicios de “pelotazo urbanístico” na adxudicación.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A empresa Hércules de Armamento falseou a súa contabilidade para poder optar á adxudicación da Fábrica de Armas da Coruña, que finalmente gañou en 2014. Máis de 5 anos despois, a xustiza dá a razón ós traballadores despedidos por General Dynamics, que xa denunciaran en repetidas ocasións a irregularidade das contas da adxudicataria a través de demandas que nunca prosperaron.

Entrada da Fábrica de Armas da Coruña
Entrada da Fábrica de Armas da Coruña | Fonte: remitida

A vitoria xudicial, consagrada nunha resolución do pasado mes de febreiro, é un trunfo agridoce para os ex-empregados que tiveron que ver como a Fábrica languidecía durante 5 anos polos impagos reiterados dos administradores. Entre 2014 e 2019, momento no que Defensa retira a adxudicación, Hércules de Armamento non chegou a fabricar ningún dos proxectos prometidos no concurso, acumulando unha débeda de case 10 millóns de euros con Facenda, Defensa, outras empresas e os seus propios empregados. 

A irracional traxectoria da empresa comeza en 2013 co peche da planta por General Dynamics, que se salda cun ERE sobre todo o persoal. Un ano despois, cando se fai efectivo o abandono, Defensa abre un concurso ó que concorren dúas firmas, a escola de negocios IFFE e a nomeada Hércules de Armamento, creada só uns meses antes da adxudicación. Nun principio todo apunta a que a carteira entón dirixida por Pedro Morenés (PP) outorgará a fábrica á IFFE, pero á hora da verdade é a sociedade coruñesa a que se fai coas instalacións de Pedralonga. Defensa xustifica a elección aludindo á existencia de oito cartas asinadas por empresas de varios países que se comprometen a dar traballo á planta. Estes proxectos nunca saíron adiante.

CAPITAL SOCIAL FALSEADO

Poucos días despois da adxudicación saltan as alarmas: IFFE e o comité de UGT da planta denuncian a Hércules de Armamento por ter presentado unha contabilidade amañada. Ambos demandantes aduciron que o capital social da empresa -que debía ser dun mínimo de 610.000€ para optar ó concurso- proviña na súa maioría de facturas falsas, como ditaminou o TSXG o pasado febreiro. As demandas de 2014, porén, foron desestimadas e ignoradas na súa totalidade a pesar de que os documentos eran idénticos

Fábrica de Armas da Coruña
Fábrica de Armas da Coruña | Fonte: onemagazine.es

Segundo a sentencia do Tribunal Superior, os propietarios de Hércules de Armamento, Juan José Gómez Rey e Ramón Mejuto -que xa fora director na última etapa de General Dynamics- ficcionaron un intercambio de servizos con empresas da súa propiedade para xerar unha débeda falsa que logo pasou a engordar o capital da empresa. Esta operación, denominada ‘capitalización de débeda’, é legal sempre que se execute sobre un pasivo con base real. Non foi tal o caso de Hércules de Armamento, que o 1 de xullo de 2014 rexistrou facturas falsas por 213.000€ da empresa Bussinessnear -propiedade de Gómez Rey- e 171.800€ de Couto y Arévalo, xestionada pola muller de Mejuto. En total, 384.800€ que achegarían o capital social da empresa ó mínimo esixido.  

Á marxe da propiedade das sociedades, o TSXG destaca que a empresa de Mejuto carecía de empregados nos anos 2013 e 2014, de xeito que non podería ter desenvolto as labores de consultoría e asesoramento facturadas. Por riba, a capitalización da suposta débeda tivo lugar dous meses antes da emisión das facturas, o 14 de maio de 2014, momento no que o débito, por definición, non podería ter existido aínda. En calquera caso, a falsidade das contas presentadas fixo da empresa unha xestora sen capacidade económica para botar adiante a fábrica, que chegou a quedar sen luz e auga por acumulación de recibos impagados.

A PARÁLISE

Aínda que o plan de Defensa contemplaba 15 anos de adxudicación, Hércules de Armamento tan só pasou 5 na fábrica, tempo no que non botou adiante ningún dos proxectos que prometera. Tras abonar o primeiro canon a Defensa, sucedéronse os impagos a Facenda, ós traballadores da planta e mesmo á empresa de seguridade, que en 2015 abandonaría a planta con 500.000€ pendentes de cobro. A marcha da seguridade obrigou a Defensa a retirarlle o permiso de fabricación de armas a Hércules de Armamento, que poucos meses despois contrataría a outra firma que volvería a deixar as instalacións ao non cobrar. 

Aínda que as débedas persistentes coa Seguridade Social e a redución do cadro de empregados xustificaban a rescisión do acordo, Defensa non retira a adxudicación ata que deixa de percibir o canon de 250.000€ anuais. En maio de 2019, xa baixo a tutela de Margarita Robles, o Ministerio esixe á empresa que abandone as instalacións de Pedralonga coa intención de dedicalas a un proxecto tecnolóxico coordinado pola Universidade da Coruña. A fábrica quedará liberada en febreiro de 2020, logo dunha longa carreira de apelacións.

“PELOTAZO URBANÍSTICO”

A auténtica incógnita que sobrevoa a Fábrica de Armas é por que o Ministerio de Defensa outorgou a adxudicación a unha empresa insolvente; circunstancia que, segundo asegurou o pasado febreiro Javier Losada, actual delegado do goberno, era coñecida polo executivo de Mariano Rajoy “dende o primeiro momento”. Os antigos traballadores de General Dynamics apuntaron, xa nas primeiras semanas, a unha adxudicación ‘a dedo’ que tería como obxectivo sumir á Fábrica na parálise para levala ó peche definitivo e logo dedicar os terreos -127.000 m2 situados na entrada da cidade- á especulación inmobiliaria

Estas sospeitas chegaron ó congreso da man do deputado socialista Miguel Ángel Cortizo, que en decembro de 2014 expuxo ante Morenés as “dúbidas” suscitadas por unha adxudicación que podería derivar nun “pelotazo urbanístico”. O entón Ministro de Defensa tachou de “inxurias” as acusacións pero negouse a facer público o prego de condicións e o expediente da concesión cando o grupo socialista os pediu no Senado.

Os anuncios de Defensa asegurando a legalidade do proceso non conseguiron aplacar unha desconfianza acrecentada polas traxectorias dos adxudicatarios. Á marxe da firma ‘fantasma’, Mejuto figura como responsable de varias promotoras inmobiliarias, mentres que Businessnear -propiedade de Gómez Rey- se anunciaba como unha consultoría dedicada, entre outros, á liquidación de empresas. A día de hoxe a tese do “pelotazo” non foi probada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta