O confinamento tivo efectos negativos nos nenos galegos, pero tamén positivos

Investigadores da Universidade de Santiago presentan os primeiros resultados da enquisa Confía-20 para coñecer os efectos sobre o confinamento na familia e a infancia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como afectou o confnamento pola pandemia de Covid-19 aos máis pequenos da casa? Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixeron un estudo sobre os efectos psicolóxicos, condutuais e emocionais do peche en pequenos de 3 a 12 anos. O que atoparon foi que aínda que a maioría dos menores non mostraron cambios importantes no comportamento, si se observaron algúns efectos negativos, pero tamén positivos.

Un neno no interior dun piso en Santiago mentres sinala a rúa durante o confinamento.
Un neno no interior dun piso en Santiago mentres sinala a rúa durante o confinamento.

Para achegarse á realidade que viviron os menores durante o confinamento, os investigadores, do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC, recompilaron datos en abril de 2020, a través de enquisas a pais de 1.123 nenos residentes en Galicia. “Os resultados suxiren que, segundo a información dos pais, a maioría dos nenos non mostrou cambios importantes no comportamento, aínda que se observaron algunhas taxas crecentes tanto para os resultados negativos como positivos”, explican os autores.

“A experiencia de angustia dos pais, á súa vez, desencadeou unha resposta emocional caracterizada por niveis máis altos de síntomas de ansiedade e depresión” nos cativos

Entre os efectos negativos, os expertos salientan a “angustia parental” transmitida nos fogares, mentres que “as prácticas específicas de crianza se relacionaron máis estreitamente cos resultados positivos”.

No momento da recopilación de datos, as familias pasaran xa un mes confinadas polo estado de alarma. Dos país e nais que traballaban antes da crise do coronavirus (o 86,9% do total), o 17,9% seguía asistindo presencialmente ao traballo, o 33,9% facíao desde casa, o 19,1% suspendera temporalmente o seu traballo, o 8,6% estaba con baixa médica e o 2,4% perdera o seu traballo debido á crise da COVID-19.

En relación aos casos de contaxio na contorna familiar, informouse dun 16,7% de casos, así dun 5,3% con mortes cercanas relacionadas coa pandemia.

Os resultados das respostas aportadas por país e nais mostran que “mentres a angustia e os problemas emocionais dos pais se correlacionaron máis especificamente cos resultados negativos dos nenos e o mantemento de rutinas, as prácticas relacionadas coa crianza dos cativos correlacionáronse máis especificamente cos resultados positivos”.

Neste sentido, apuntan, “a experiencia de angustia dos pais, á súa vez, desencadeou unha resposta emocional caracterizada por niveis máis altos de síntomas de ansiedade e depresión” nos cativos.

O 30-40% dos cativos mostrou máis problemas de conduta, problemas emocionais ou hiperactividade en comparación coa situación previa ao estado de alarma.

Máis detalladamente, a maioría dos nenos (máis do 55%) non mostrou un cambio relevante nos comportamentos problemáticos durante o confinamento. Con todo, ao redor do 30-40% dos cativos mostrou máis trastornos de conduta (por exemplo, problemas de conduta, problemas emocionais, hiperactividade) en comparación coa situación previa ao estado de alarma.

Os autores destacan que “unha maior proporción dos nenos aumentou en lugar de diminuír os resultados negativos, particularmente a hiperactividade”. Pero o máis salientable do estudo son os resultados que suxiren que “o confinamento tamén puido xerar algúns cambios positivos nos nenos”.

De feito, que unha maior parte dos cativos non mostrase cambios relevantes no mantemento de rutinas “revela unha adaptación positiva a pesar das características estresantes da nova situación”, explican os investigadores, que tamén destacan efectos positivos nalgúns casos na “participación prosocial [conduta voluntaria dirixida a beneficiar a outros] e o vínculo social”, que se deron máis ou menos na metade dos casos.

Os menores mostraron cambios positivos no seu compromiso social, principalmente recoñecendo o labor dos profesionais da saúde

Pero onde atoparon maiores cambios positivos foi nas concepcións e actitudes socialmente orientadas, como recoñecer o valor dos profesionais da saúde e doutros traballadores que se mantiveron nos seus postos durante o confinamento para manter servizos básicos, ou asumir que “todos deberiamos colaborar para resolver problemas sociais”.

"Polo tanto, mesmo en situacións adversas tamén se pode observar resultados positivos e crecemento personal”, apuntan os investigadores.

DIFERENZAS POR IDADE

O estudo tamén revela algunhas diferenzas significativas por idade. En xeral, os nenos máis pequenos (preescolares) terían maior risco de mostrar máis problemas de conduta e hiperactividade, mentres que canto más maiores serían máis reflexivos socialmente e mostrarían unha mellor adaptación á situación.

Tamén se acharon diferenzas entre os grupos de idade no vínculo social, “o que suxire que os nenos maiores eran máis capaces de manter o contacto con outros familiares e compañeiros”, o cal “podería explicarse polo acceso directo a dispositivos electrónicos que permiten o contacto en liña con outras persoas”.

En conclusión, os investigadores da USC sosteñen que “o confinamento pola COVID-19 perturbou os patróns emocionais e de comportamento dos nenos, pero tamén permitiu que florecesen algunhas adaptacións positivas”, evidenciándose que “o impacto psicolóxico nos nenos está estreitamente relacionado co impacto nos pais”.

Estes son os primeiros resultados achegados –nun preprint– da enquisa Confía-20 para coñecer os efectos do confinamento na familia e a infancia por parte da Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento (Underisk), grupo integrado por investigadores das áreas de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico e de Psicoloxía Evolutiva da  Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta