O PSdeG pide ceses na CRTVG

Os socialistas queren que dimita a dirección de informativos da TVG e da RG polas "manipulacións" nas informacións do caso Bárcenas. Denuncian que os medios públicos "están ao servizo exclusivo do PP". Os populares respostan que "son líderes de audiencia"

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/02/2013 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

A parlamentaria socialista, María Quintas, ven de esixir o cese inmediato dos responsables dos Servizos Informativos da TVG e da RG pola “burda manipulación informativa do caso Bárcenas” e doutros temas relacionados co PP nos últimos días.

Protesta dos traballadores da CRTVG
Protesta dos traballadores da CRTVG

Esta é a segunda crítica que reciben os medios públicos esta semana tras a denuncia de "manipulación" feita o pasado martes polo Comité de Empresa da TVG.“ Precisamente, o PSdeG "solidarizouse" solidariedade cos traballadores "que están a denunciar estas prácticas abusivas e contrarias á obxectividade e pluralidade informativa que debe imperar nun medio público como a TVG".

Comparecencias

A portavoz para asuntos da CRTVG do Grupo Socialista esixe a comparecencia do Director Xeral, Sánchez Izquierdo, tanto no Parlamento como no Pleno do Consello de Administración da CRTVG, para explicar as noticias destes días e que medidas ten pensado adoptar para recuperar a credibilidade informativa do ente público autonómico.

Os socialistas detectaron a execución de “graves prácticas de manipulación informativa”, que aínda que “non son novas na TVG, estes días se acentuaron por mor do caso Bárcenas e a afectación do mesmo ao Presidente do Goberno, a varios ministros e a boa parte da cúpula do PP”-

Segundo explica Quintas, coincidindo coa publicación dos papeis do ex-tesoreiro do PP, a TVG “volveu aos peores tempos de manipulación informativa, actuando máis como un medio ao servizo exclusivo dos intereses do PP que como un medio público de comunicación”.

Exemplos

Entre os exemplos citados pola deputada socialista atópase a censura da portada do diario El País do 31 de xaneiro na revista de prensa do espazo Bos Días. “Un feito moi grave” di. O mesmo día, as declaracións do Presidente do Senado, Pío García Escudero, recoñecendo que recibira 5 millóns de pesetas que foi devolvendo pouco a pouco, non se consideraron relevantes para a TVG, a pesares de constituír un elemento de reforzo da veracidade dos papeis publicados.

Ao día seguinte, día 1 de febreiro, a decisión dos responsables dos informativos, ante a imposibilidade de ocultar a referencia a esta noticia, a “degrada” ata a sétima noticia do telexornal, por detrás doutras como Fitur ou os problemas dun banco holandés. Ademais, salienta como exemplo da sublimación acadada nos niveis de manipulación da CRTVG a ocultación das declaracións do ex-senador, Carlos Mantilla, á Radio Galega por parte da TVG.

"Cando non se optou pola ocultación se avanzou polo camiño da información tendenciosa”, engadiu. Quintas salienta a noticia do TXmediodía do pasado mércores, día 5, “exemplo do métese no mesmo saco a entrega dos papeis de Bárcenas polo xornal El País á policía, e a sospeita de falsidade deses papeis segundo o xornal Periodista Dixital. “Tan só por esta manipulación tiñan que ter dimitido ou cesado ao equipo directivo dos informativos da TVG”, considera Quintas.

Finalmente, a parlamentaria socialista fixo referencia á “ocultación da pertenza ao PP do alcalde do Carballiño, imputado no caso Pokémon”. E ningún momento da noticia emitida no TXmediodía do luns, 4 de febreiro, se menciona a pertenza de Argimiro Marnotes ao Partido Popular. Algo que “contrasta” cando os protagonistas destas noticias son persoas pertencentes ao PSdeG ou ao BNG, recrimina María Quintas aos responsables dos informativos da cadea pública.

"Servizo do PP"

O comportamento da TVG, desde hai unha semana semella máis ca nunca o dun “medio ao servizo exclusivo do PP”, acusa Quintas. Por iso non é de estrañar que o Comité de Empresa da TVG estea a emprender accións para denunciar esta situación ante a opinión pública galega.

Os socialistas apoian estas medidas e coinciden cos traballadores da compañía en demandar o cumprimento da Lei de Comunicación Audiovisual de Galicia, aprobada hai máis dun ano.

Este texto lexislativo recolle a posta en marcha dun Estatuto Profesional e dun Consello de Redacción como instrumentos para garantir unha información veraz, rigorosa, obxectiva e plural como compete a un medio público sufragado cos medios públicos de todos os galegos.

"Líder de audiencia"

 

Pola súa banda, o PPdeG replicou ao PSdeG cun comunicado no que suliñou que na actualidade os informativos da TVG son "líderes de audiencia", mentres que durante o Goberno bipartito o ente era "líder en manipulación".

 

Os populares galegos consideran que a CRTVG está "a cumprir de modo adecuado" o seu papel de "servizo público" baixo os parámetros de "calidade e pluralismo" e, de feito, indican que os datos das audiencias "reflicten o apoio da cidadanía a estes medios".

 

"Os informativos da TVG son plurais e neutrais, algo que confirmaron as resolucións das Xuntas Electorais durante os períodos de eleccións. Fronte a 12 condenas que tivo a CRTVG durante o bipartito, nesta etapa os 25 recursos presentados polos partidos da oposición foron desestimados", precisaron os populares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Rosendo

Hai que pechar a CRTVG. Xa.

1 SERÁSPASPÁN

Eso, Rosendo, ¿para qué queremos unha televisión en galego? Pechámola e punto.

2 Rosendo

Para qué queremos el gallego que es un idioma de paletos? hagamos lo que dice Feijóo, estudiemos inglés y dejemos que nos informe Voz Televisión

1 Rafa

Despois fala Feijóo de rexenerar a democracia. Que empece pola TVG e polos directivos indecentes da canle pública.