A Xunta reivindica a "seguridade e a hospitalidade" como alicerces do Camiño

Escenifican o relanzamento das rutas Xacobeas coa apertura da 'Andaina Primavera non Camiño'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou "a preparación, a seguridade e a hospitalidade" como os "tres alicerces para a reactivación" do Camiño de Santiago e as Rutas Xacobeas en xeral, e lembrou a importancia das vías de peregrinaxe para unir Galicia cos países do Atlántico europeo.

Rodríguez e outras autoridades, como o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participaron na apertura da 'Andaina Primavera non Camiño', unha iniciativa impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés para escenificar o relanzamento da ruta tras a paralización experimentada pola crise sanitaria.

"O noso desexo é continuar con esa rica historia de intercambio, que arrinca no século XII e chega aos nosos días", insistiu, para lembrar a necesidade de abrir un Camiño "de modo seguro para todos". Por iso, resaltou o "enorme esforzo" emprendido polos municipios, a Igrexa e as asociacións de amigos do Camiño, ademais dos donos de albergues, para reforzar a seguridade hixiénico-sanitaria en cada etapa.

Este mesmo sábado, Bugallo destacou a "enorme estabilidade" e "capacidade de crecemento" demostrado polas rutas Xacobeas, e incidiu na peregrinación como un "valor sólido" polo que vale a pena apostar. "Axúdanos a integrarnos co resto de Europa, co resto do mundo, pola súa universalidade, pero tamén entre nós", sinalou.

Román Rodrígues e Sánchez Bugallo. XUNTA
Román Rodrígues e Sánchez Bugallo. XUNTA | Fonte: Europa Press

PROXECTO CON GOOGLE

A Consellería de Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) remitiron a outras comunidades polas que transcorre o Camiño de Santiago o protocolo para adherirse a un proxecto de difusión das rutas xacobeas que preparan a Xunta e Google.

O protocolo enviado formaliza a invitación que o Goberno galego trasladou a outras autonomías na reunión do Consello Xacobeo celebrada o pasado 4 de maio. Esta iniciativa que impulsan a Xunta e Google busca a "difusión e promoción internacional" deste itinerario Patrimonio da Humanidade no marco do plan estratéxico para a organización do Xacobeo 2021.

En concreto, este proxecto concrétase na creación dunha canle de contidos que divulgue "a riqueza cultural" do Camiño a través da plataforma 'Google Arts&Culture'.

Neste sentido, contémplase a creación de exposicións interactivas e a dixitalización a grande escala de varias das rutas e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía 'Street View'.

Segundo asegura a Xunta, "ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno Xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial", polo que agora o seu papel como "elemento vertebrador de Europa trasládase a novas contornas", tamén para combater a situación derivada da pandemia da COVID-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta