O Festival de Ortigueira 2025 bota o peche tras acoller a máis de 110.000 persoas durante cinco días

Polo festival pasaron grupos como Gwendal, Milladoiro, Flook ou a Kevrenn Brest Sant Mark, nunha edición "especial e histórica" pola celebración do 50 aniversario da súa fundadora, a Escola de Gaitas de Ortigueira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2025 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2025 concluíu este domingo tras acoller a máis de 110.000 persoas durante cinco días de festa, tradición e música. Polo festival pasaron grupos como Gwendal, Milladoiro, Flook ou a Kevrenn Brest Sant Mark, nunha edición "especial e histórica" pola celebración do 50 aniversario da súa fundadora, a Escola de Gaitas de Ortigueira. Este colectivo axudou a iniciar en 1978, tres anos despois de fundarse, o que hoxe é un referente mundial da música Folk.

Concerto de Milladoiro. Foto: Organización.
Concerto de Milladoiro. Foto: Organización.

Os 5 intensos días de festival pecháronse o domingo co seu momento máis emotivo: o agardado Desfile das Nacións Celtas, cunha formación inédita composta por máis de 150 músicos de diferentes xeracións e con delegacións de diversos países de forte tradición celta se deron cita para compartir a súa cultura, música e danzas. Este desfile foi unha das maiores atraccións da xornada, reafirmando a vocación do Festival como unha plataforma para a difusión e o intercambio cultural.

Ademais das actuacións musicais e dos desfiles, esta edición tamén estivo marcada por importantes novidades que foron un éxito de acollida. A nova Vila Celta, espazo temático con artesanía, gastronomía e demostracións culturais, converteuse nun punto neurálxico do festival.

Tamén houbo actividades para os máis pequenos desenvoltas tanto ao aire libre como no novo espazo incorporado á programación na Biblioteca Municipal.

Por outra banda, a organización quixo salientar o excelente ambiente vivido na zona de descanso da praia de Morouzos, onde, como cada ano, milleiros de mozos e mozas gozaron do festival nun clima festivo, cívico e sen incidencias salientables, consolidando este espazo como un exemplo de convivencia responsable da música e da cultura celta.

O Festival de Ortigueira ampliará un día a súa edición de 2025 para homenaxear á Escola de Gaitas no seu 50 aniversario
O Festival de Ortigueira ampliará un día a súa edición de 2025 para homenaxear á Escola de Gaitas no seu 50 aniversario | Fonte: FESTIVAL ORTIGUEIRA - Arquivo

VALORACIÓNS E AGRADECEMENTOS DENDE O CONCELLO

O Concello de Ortigueira destacou o carácter interxeracional e integrador desta edición, cun festival que continúa medrando sen perder as súas raíces, declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e desexa agradecer a participación dos veciños e veciñas unha edición máis, así como o intenso traballo e implicación de todos os colectivos que fan posible cada ano o éxito do evento: persoal sanitario, garda civil, policía local, bombeiros forestais, persoal de limpeza, Seprona, GES, voluntariado de protección civil, e, por suposto, a todos os traballadores do concello.

CONCURSO RUNAS

Xara, banda madrileña con influencias da música tradicional asturiana, levou este ano o primeiro posto no Concurso Runas 2025 e faise cun pase directo ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira do 2026.

O grupo percibirá 3.000 € e actuará en 2026. Xara fora seleccionada como a banda favorita na votación popular realizada o pasado mes de maio a través da web, encabezando a votación en liña o pasado mes de maio con máis de 4.000 votos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta