Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 20:16
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, votou en contra dos catro documentos de traballo da Comisión de Reconstrución este venres por entender "que non apostan por políticas diferentes" e porque a súa formación busca unha saída da crise "socialmente xusta".
"Non hai unha aposta real por unha sanidade pública, nin en políticas económicas diferentes que fagan que nesta ocasión non sexan os mesmos, a clase traballadora e os pobos, quen paguen a crise como ocorreu na anterior", sinalou Rego.
A través dun comunicado, o deputado do Bloque explicou que ningún dos catro informes de conclusións --Unión Europea, sanidade, reactivación económica e políticas sociais-- recollen medidas "diferentes" ás desenvolvidas ata agora para superar a situación deixada pola COVID-19. Así, Rego defendeu que "non se pode buscar unha saída pola vía dos recortes sociais, da precarización das condicións laborais e do empeoramento das condicións de vida dos sectores máis vulnerables da poboación".
Por todo iso, o BNG aposta por unha reconstrución que sexa "socialmente xusta" e que parta da base de que "ten que contribuír máis quen máis ten". Ademais, lamenta que tanto o PSOE como Unidas Podemos "rexeitasen" as propostas dos nacionalistas para asegurar a "xestión directa da sanidade pública", para establecer "un imposto ás grandes fortunas" e para "recuperar o rescate bancario", entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.