Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 18:25
O BNG reuniu de urxencia á súa Executiva nacional este domingo e pediu a suspensión das eleccións na comarca, para a que a Xunta anunciou un peche polo brote de COVID-19, que entra en vigor ás 00,00 horas do luns e terminará o venres.
A formación propón esta medida ante a "dimensión" do rebrote, que afecta a un centenar de persoas (106 deron positivo ata agora e sete delas curáronse xa) e que provoca o confinamento de máis de 600, e "nun contexto no que falta un protocolo" por parte da Xunta. "A día de hoxe, Galicia segue sen ter un protocolo de actuación para afrontar un rebrote", insistiu.
A "única prioridade", manifestou o BNG, ten que ser "a saúde das persoas, atallar o rebrote e minimizar as súas consecuencias". Non se pode someter aos veciños da comarca ao "dilema de escoller entre a preservación da súa saúde" e o dereito ao voto, sinalou e reivindicou que os cidadáns "teñen dereito a exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria".
Cando o brote estea "controlado e superado" será momento de "buscar a fórmula máis adecuada" para que os veciños dos 14 municipios afectados poidan exercer o seu dereito ao voto "con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias", defendeu.
A formación que lidera Ana Pontón acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar con "improvisación e irresponsabilidade" desde que comezou o rebrote, "primeiro tentando minimizar o problema e despois tratando de eludir a súa responsabilidade nos concellos".
En palabras da portavoza nacional do Bloque, non se pode "pór aos veciños e veciñas ante o dilema de ter que escoller entre a súa saúde ou o seu dereito ao voto". Por isto mesmo, "o sensato e o prudente sería que se cancelen as eleccións na Mariña ata que se supere o rebrote", aínda que non se aventurou a propor unha data alternativa: "Cando a pandemia estea controlada".
GONZALO CABALLERO
O candidato socialista á Presidencia da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a convocar este luns os principais partidos políticos para abordar o rebrote da Mariña. "A saúde é a prioridade por encima de calquera tipo de elección", manifestou durante un mitin no Carballiño xunto ao ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, e no que mostrou a súa preocupación pola situación dos 70.000 galegos desta comarca de Lugo.
Na súa intervención e despois de falar por teléfono co presidente da Xunta, Gonzalo Caballero considerou que, nunha situación na que xa hai máis de 100 contaxios, e unhas 1.000 persoas están confinadas, Feijóo debe "garantir" a saúde por encima de todo e debe "comparecer".
"Actuaremos con responsabilidade e non faremos anuncios gratuítos ata que teñamos toda a información", sostivo o socialista, que considerou que o peche desta zona durante cinco días "non ten nin criterio sanitario nin epidemiolóxico". "Sabemos que o virus necesita dunha contorna de entre 10 e 15 días para testar onde están os contaxios", sinalou.
O candidato, que considerou que o rebrote "se lle foi das mans" á Xunta, destacou a "posición de país" do PSdeG, formación que, segundo indicou, está "preparada" para loitar contra a crise sanitaria e calquera tipo de brote. "Temos aos mellores profesionais para poder facelo a partir do domingo", subliñou. Ademais, volveu a criticar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decidise de forma "unilateral" convocar as eleccións para o mes de xullo.
Perante a situación, o comité de campaña do Partido Socialista suspendeu os mitins na provincia de Lugo. O PSdeG sinala que a actividade se limitará a paseos e comparecencias no territorio.
MAREA GALEGUISTA
O candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal, esixe ao presidente da Xunta, Alberto Núñex Feijóo, que convoque "de forma inmediata" o resto de forzas políticas para tratar o rebrote. Durante unha visita este domingo a Padrón, Casal solicitou ao presidente galego "o protocolo para frear o rebrote", posto que di non coñecer nin este plan, "nin cantas PCR están a facerse, nin canta xente está confinada".
Maréaa Galeguista presentará este luns á primeira hora un escrito ante a Xunta Electoral Central para pedir "todas as medidas" posibles para que a comarca da Mariña poida votar con "seguridade e garantías". Pancho Casal considera "inadmisible" que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmase este domingo que o centenar de persoas que deron positivo no rebrote non poden ir votar: "É inconcibible que a Xunta acabe de anunciar unha vulneración do dereito ao sufraxio".
O candidato insiste en que se a Xunta "non pode garantir a saúde pública e a seguridade dos cidadáns, así como o pleno dereito ao exercicio do sufraxio, tamén dos positivos en COVID-19, deben aprazarse as eleccións".
GÓMEZ-REINO
O candidato de Galicia En Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, demandou á Xunta e o seu titular, Alberto Núñez Feijóo, que "aplique as medidas necesarias para manter as garantías sanitarias e democráticas" na comarca da Mariña. Tras enviar o apoio da candidatura de esquerdas aos veciños da comarca do norte da provincia de Lugo, a cabeza de lista da alianza esixiu ao presidente galego que "nos sete días que quedan" á fronte da Xunta ofreza "información transparente" do que ocorre na Mariña.
CIUDADANOS
A candidata de Ciudadanos nos comicios autonómicos do 12 de xullo, Beatriz Pino, apelou a "aparcar o electoralismo" ante o avance do rebrote e dixo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "terá o apoio" do seu partido se ten que "aumentar as medidas" para frear o coronavirus.
A través da súa conta de Twitter, a tamén portavoz de Cs en Galicia confirmou que falou coas autoridades sanitarias galegas para abordar a situación nesta comarca lucense. Así, Pino dixo nun tuit que "toca ser responsables e pensar só na saúde dos galegos", a pesar de que o vindeiro domingo se abrirán as urnas das autonómicas. "Todos os partidos deben aparcar o electoralismo", engadiu respecto diso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.