Feijóo di que, a pesar do foco na Mariña, ten "os mellores datos" de control da pandemia do Estado

Acusa á oposición de "buscar a abstención". A alcaldesa de Viveiro reclama que "se apracen" as eleccións.

Por Europa Press / Redacción | Burela | 07/07/2020 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

O candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, mostrou este luns o seu enfado por que outras formacións políticas están "a dicir moitas irresponsabilidades nas declaracións públicas", co único obxectivo de "buscar a abstención" o que suporía "un voto directo ao multipartidismo". Unhas declaracións que realizou nun mitin en Ferrol en relación ao que están a pedir todos os partidos da oposición e alcaldes da comarca de Viveiro, incluído algún do PP, tras o brote de coronavirus na zona.

Nesta liña, Alberto Núñez Feijóo fixo un chamamento á participación este domingo e lembrou que "se a xente pensa que isto está feito, equivócase", polo que lle pediu aos galegos e galegas que o 12 de xullo "pensen 15 minutos en Galicia antes de ir votar".

O tamén presidente da Xunta defendeu a xestión realizada polo seu goberno durante a pandemia, cunha Galicia "que deu exemplo, con respostas inmediatas, nos centros de saúde e nos hospitais", porque a COVID-19 "seguirá aí". Así, cualificou como "importante" que todos os cidadáns cumpran "co deber e a responsabilidade". Na actualidade, a pesar do brote na Mariña, o candidato afirmou que Galicia ten "os mellores datos, xunto coas Illas Canarias", o que fixo extensible "aos últimos 14 días".

O presidente da Xunta de Galicia e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, durante unha entrevista para Europa Press, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España), a 30 de xuño de 2020.. MARTA VÁQUEZ
O presidente da Xunta de Galicia e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, durante unha entrevista para Europa Press, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España), a 30 de xuño de 2020.. MARTA VÁQUEZ | Fonte: EUROPA PRESS

ALCALDESA DE VIVEIRO

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureido, reclamou este martes o aprazamento dos comicios como xa fixeron tamén varios rexedores da Mariña. Considera que "sería bo aprazar as eleccións". "Non estamos nunha situación normal", sinalou, para indicar que A Mariña lucense atópase desde a xornada deste luns pechada debido ao brote de coronavirus.

Loureiro indicou que "hai unha preocupación xeneralizada" da poboación e que moitos veciños xa lle comentaron que non exercerían o seu dereito ao voto "porque teñen medo", segundo afirmou a alcaldesa.

Ademais, esta rexedora socialista comentou que son moitas as persoas confinadas "1.100" que están "en corentena" e que se atopan á espera dos resultados das probas PCR. "Os positivos non poderán votar", lamentou.

"Non estamos nunha situación normal", manifestou, para ir "votar" a unhas eleccións que son "a festa da democracia", porque, segundo declarou Loureiro, "para votar hai que ir tranquilos, sen ningún tipo de preocupación" e neste caso, asegurou, "non o está habendo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta