Os líderes estatais de PSOE, PP, Podemos e Vox aterran outra vez en Galicia na recta final da campaña

Pedro Sánchez elixe Galicia para arroupar a Gonzalo Caballero no peche dunha campaña que os socialistas despedirán en Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

Os líderes dos principais partidos políticos desembarcarán en Galicia nos últimos días de campaña electoral para acelerar o impulso das candidaturas dos seus respectivos partidos ante a cita coas urnas deste domingo 12 de xullo.

Aínda que todos eles xa pasaron por Galicia nos últimos dez días, Pedro Sánchez (PSOE), Pablo Casado (PP), Pablo Iglesias (Podemos) e Santiago Abascal (Vox) reservou ocos nas súas axendas desde este mércores ao venres para participar en actos de campaña na comunidade.

Os primeiros serán o vicepresidente segundo do Goberno e líder morado, Pablo Iglesias, e o presidente de Vox, Santiago Abascal, que aterran de novo este mércores en Galicia. Seguiralle o popular Pablo Casado o xoves, véspera do peche dunha campaña que despedirá en Galicia o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Co obxectivo de dar un último empuxón ao proxecto do aspirante socialista á Xunta, Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, desprazarase a Vigo, onde participará nun mitin de peche campaña ás 19,00 horas no Parque de Castrelos. A visita de Sánchez será a terceira que o tamén presidente do Goberno realice a Galicia durante a campaña electoral, na que xa ofreceu mitins na Coruña e Ourense.

A súa presenza en Vigo, cidade na que reside o candidato á Xunta e na que o seu tío, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, goberna cunha folgada maioría absoluta, marcará un dos principais actos da campaña dos socialistas, na que contaron co apoio de diversos ministros e cargos como a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra.

PABLO IGLESIAS

O vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, regresa este mércores a Galicia tres días despois de arroupar ao seu candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, nun mitin en Vigo no que tamén participou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, envorcada neste segundo tramo da campaña de Galicia En Común-Anova Mareas.

Nesta ocasión farao na Coruña, no outro extremo dun eixo atlántico sobre o Galicia En Común está a facer pivotar a súa campaña. Palexco, no porto da cidade herculina, volve ser o recinto elixido para un mitin que arrincará ao redor das 17,00 horas deste mércores. A do vicepresidente non será a única incursión dun ministro no antepenúltimo día de campaña de Galicia en Común. O titular de Consumo, Alberto Garzón, estará en Vigo horas antes do mitin de Iglesias na Coruña. Será no hotel Coia da cidade olívica a partir das 12,00 horas.

CASADO ESTARÁ NA CORUÑA

Na campaña galega envorcouse tamén o popular Pablo Casado, que volverá este xoves a Galicia, con actos na provincia da Coruña. En concreto, visitará á primeira hora A Pobra do Caramiñal, onde ten previsto facer declaracións aos medios de comunicación, e ao mediodía acudirá á localidade de Boiro.

Casado, que participou en Santiago nun acto de precampaña do PPdeG --a presentación de candidatos--, visitou durante a campaña as provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra. A praza de touros de Pontevedra acolleu, precisamente, un dos actos máis simbólicos do PP en toda a campaña, xa que Casado e o expresidente Mariano Rajoy se reuniron para trasladar o seu apoio a Feijóo.

E é que Rajoy se envorcou tamén na campaña galega, na que, ademais de Casado, participaron outros dirixentes como Teodoro García Egea, Ana Pastor, Esteban González Pons ou Juan Manuel Moreno.

ABASCAL EN LUGO E SANTIAGO

Por último, Santiago Abascal volve este mércores a Galicia para protagonizar dous actos electorais dunha campaña, a das autonómicas galegas, na que foi moi activo, tanto el como o resto de referncias estatais da formación, como Javier Ortega Smith e Iván Espinosa de los Monteros.

Con este último protagonizará Abascal o seu último mitin electoral en Galicia. Será en Santiago, na Praza da Quintana, o lugar onde Vox abriu a campaña o 26 de xuño e onde reunirá á cabeza de lista polas catro provincias. Un día antes, o presidente da formación estará en Vigo, mentres que, esa mesma xornada, Espinosa de los Monteros estará en Lugo.

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (i), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (d), en Xardín do Posío, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (i), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (d), en Xardín do Posío, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta