O conselleiro de Sanidade volve chamar á oposición para informar do brote da Mariña

O brote está a marcar a última semana de campaña para as eleccións do 12 de xullo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/07/2020 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, repetiu este martes unha rolda de chamadas con todos os líderes dos partidos máis significativos na Comunidade para informarlles sobre a evolución do brote rexistrado na Mariña lucense e da reunión que tivo pola mañá cos rexedores da zona.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña | Fonte: Xunta.

Así o trasladaron fontes do seu departamento, na mesma xornada na que Almuiña compareceu co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para informar de cales serán os seguintes pasos a dar en relación cun brote que, ademais, está a marcar a última semana de campaña para as eleccións do 12 de xullo.

Feijóo asegurou que a xornada electoral manterase "sen ningún tipo de modificación" a pesar de que algúns partidos, como o BNG, e rexedores da zona expuxeron que se baralle a posibilidade de suspender as eleccións na Mariña.

O presidente galego tamén defendeu que o brote experimenta unha "pequena regresión", con menos pacientes en seguimento e menor ritmo de positivos detectados na última xornada, polo que expuxo, en coordinación cos expertos e se se manteñen os datos, a posibilidade de "abrir parte da Mariña" e avanzar cara a un peche "máis selectivo" das áreas máis afectadas polo coronavirus.

O pasado domingo tamén houbo unha rolda de chamadas de responsables sanitarios autonómicos aos partidos. Os contactados foron os candidatos á Presidencia da Xunta de PSdeG, Gonzalo Caballero; BNG, Ana Pontón; e Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino; así como dirixentes de Marea Galeguista, Ciudadanos e Vox.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta