Feijóo: "Os que tentan que non vaiades votar van ir todos a votar"

O candidato do PPdeG á reelección chama a dar "unha lección de democracia" indo votar para mostrar que o pobo galego "non ten medo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2020 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, chamou aos galegos a "dar unha nova lección de democracia" indo votar "masivamente" nas eleccións ao Parlamento deste domingo para demostrar que "este pobo non ten medo, e menos ao que salga das urnas".

Feijóo nunha imaxe de arquivo durante un mitin en Ourense
Feijóo nunha imaxe de arquivo durante un mitin en Ourense | Fonte: Europa Press

Nun mitin en Pontevedra, Feijóo volveu pedir a mobilización dos votantes. "Somos especialistas en gañar as enquisas, non quero ser especialista en que as enquisas me gañen a min", dixo, tras lembrar que na súa primeira maioría absoluta, en 2009, as sondaxes auguraban a continuidade do bipartito.

"Os que tentan que non vaiades votar van ir todos a votar. É curioso, pero van ser os primeiros en ir votar", afirmou o presidente do PPdeG, que apuntou que se alegra porque cre que Galicia os necesita "a todos" e porque el é "un demócrata". "E, como creo na democracia, veño reclamar que a xente vote e por iso nunca tentarei que a xente non vote", afirmou.

"Pídovos que vaiades votar para que gañe a democracia sobre aqueles que están a alentar ao medo", insistiu na súa intervención, na que manifestou que, se o PPdeG revalida a maioría, Galicia empeza o luns "inmediatamente" a traballar "pola unión do país e para liquidar os problemas".

Hai catro anos, dixo, "Galicia preferiu estabilidade a un multipartito" e na actualidade "hai aínda máis razóns para votar estabilidade", posto que ese posible "multipartito" é "máis grande". "Non quero unha Galicia repartida entre bloques de partidos, como pasa en España, quero ser presidente dunha Galicia dunha peza", manifestou.

Fronte a outros territorios de España que "se fragmentaron como consecuencia da irresponsabilidade dos políticos", o PPdeG entrega "unha Galicia unida". "Sei que non todos os galegos estarán contentos se gañamos o domingo, pero poden estar tranquilos porque imos gobernar para eles tamén", afirmou e situou como as súas prioridades "a saúde, o emprego, o benestar e o progreso".

VALORAR A EXPERIENCIA

Feijóo pediu o voto dos que "valoran a experiencia en calquera ámbito da vida", posto que o seu goberno é o que ten "máis experiencia de toda España". "Que ninguén elixa por vós", animou e chamou a lograr que as urnas diten "directamente" o partido que deberá formar goberno.

No mitin interveu tamén o candidato por Pontevedra Alfonso Rueda, quen criticou tamén os aspirantes doutros partidos que pediron que se suspendan as eleccións na comarca da Mariña. "Cando viron que non lles van votar todos os que lles gustaría, a solución é que non vaian votar", recriminou.

Cando alguén "quere que non se vaia a un colexio electoral a votar, sempre é por algo", dixo Rueda, que defendeu que acudir ás urnas "é seguro" e animou a facelo "con absoluta liberdade e tranquilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Inespal

Xa cho dixemos fai unha semana diante da Xunta, en San Caetano, na manifa do aluminio. As vas pagar nas eleccións. Feijóo ca.... apoia a intervención.