72.161 galegos votaron xa por correo, un 79,5% máis que nas galegas de 2016

Correos admitiu 77.339 solicitudes, un 60% máis que nas eleccións anteriores.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/07/2020 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

Un total de 72.161 galegos xa enviaron o seu voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán este domingo, 12 de xullo. A esta cifra sumaranse os votos que se depositaron este venres, 10 de xullo, na rede de Correos, no horario habitual das oficinas postais e como máximo ata as 14 horas, prazo límite establecido pola xunta electoral central para o depósito do voto por correspondencia para os comicios galegos.

Voto por correo
Voto por correo | Fonte: Europa Press.

Esta cifra supón un incremento do 79,52% respecto ao anterior proceso electoral homologable, as eleccións galegas que se celebraron en 2016 e, a falta do dato definitivo, xa supón a cifra máis alta de voto por correo rexistrado nuns comicios autonómicos en Galicia, desde a súa primeira celebración tras a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981.

De todos os votos por correo admitidos, Correos ten xa en custodia, nas oficinas postais de destino, 66.263 sobres cos votos depositados polos electores, preparados para a súa entrega nas 3.952 mesas distribuídas nos 2.400 locais electorais do territorio de Galicia.

Concretamente, a 9 de xullo, estaban baixo custodia 25.509 na Coruña; 9.832, en Lugo; 10.199, en Ourense; e 20.723, en Pontevedra. En total, son 66.263 en custodia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta