A ultradereita de Vox roe o seu fracaso en Galicia: "Máis Feijóo é máis separatismo"

O partido de Santiago Abascal quedou lonxe de entrar no Parlamento e lanza críticas contra os comicios, dos que din que non foron "libres e democráticos".

Por Galicia Confidencial | LUGO | 12/07/2020 | Actualizada ás 23:50

Comparte esta noticia

A ultradereita organizada de Vox queda fóra do Parlamento galego. O electorado non se rende ante o discurso provocativo e duro de Abascal e compañía; no canto diso, prefiren un Feijóo disfrazado de moderado que xa é vello coñecido do país. Non lles gustaron os resultados aos dirixentes de Vox e así o fixeron saber na súa única comparecencia da noite ante os medios, unha intervención cargada de críticas durísimas e nunca exentas das grandiosidades ás que nos teñen acostumadas.

O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto electoral de Vox en Santiago de Compostela
O presidente de Vox, Santiago Abascal, durante un acto electoral de Vox en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega-Smith, acompañou no Hotel Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, o equipo de Vox en Galicia. Entre bandeiras de España e un fondo verde, Ortega-Smith cargou contra unhas eleccións que, segundo el, "non foron libres e democráticas". Elevou o ton para condenar as supostas agresións, "coaccións e ameazas" das que din ser vítimas en cada acto que organizan. 

"Non é a escusa de mal perdedor", aseguraba, pero o certo é que non cumpriron coa súa expectativa de entrar no hemiciclo. Aínda así, obtiveron algo máis de 26.000 papeletas que soan arrepiantes a pesar de quedar lonxe do 5% en todas as provincias: no conxunto galego foi a quinta forza en número de votos, por detrás de Galicia en Común, pero moi por diante doutros partidos como a Marea Galeguista ou Ciudadanos.

Posteriormente, Ortega Smith deixou unha mensaxe de "esperanza para todos os galegos que viron con preocupación os resultados", porque "máis Feijóo é máis separatismo e máis totalitarismo". "Canto máis Feijóo e PP na Xunta, máis soben os separatistas, os amigos dos proetarras e os totalitarios", dixo, en vista dos 19 escanos do BNG.

Fronte a iso, aseguran que "hai unha boa noticia": "Vox está aquí", din. Pero non moito. Marchan para a casa a cabalo duns resultados insuficientes para eles, a trote lento cara á Meseta e cun ollo posto en Euskadi, onde por primeira vez obterían un deputado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta