Temas: ELECCIóNS 12X

Reaccións 12X: Podemos non ve unha "causa concreta" no desaspre, pero defende a Pablo Iglesias

Junqueras celebra os resultados dos "independentistas" de Galicia e Euskadi. Ábalos cre que a estratexia de "crispación" do PP fracasou e que a Feijóo lle foi "mellor" escondendo as siglas. O PP de Madrid ve as galegas un "éxito do tándem Feijóo-Casado". A patronal galega felicita o PPdeG por contribuír á "estabilidade" e pon deberes a Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | Madrid / Santiago de Compostela | 13/07/2020 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

A portavoz da Executiva de Podemos, Isabel Serra, evitou sinalar causas concretas do trompazo que sufriu a súa formación nas eleccións vascas e galegas deste domingo, e explicou que o que lles toca agora é ter unha "reflexión colectiva" e "autocrítica", para analizar a "realidade complexa" que deu lugar a eses malos resultados; unha tarefa que comezarán esta semana coa reunión da Executiva, que non se reuniu este luns, pero que terá lugar "os próximos días".

Iso si, a dirixente reivindicou a xestión do secretario xeral 'morado' e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, e da dirección estatal do partido, ao lembrar que esta foi "revalidada" na Terceira Asemblea Cidadá Estatal de maio.

"Acabamos de ter unha asemblea cidadá en Podemos que revalidou a dirección que temos actualmente. Esa dirección e o conxunto da organización, cos nosos compañeiros de Euskadi e Galicia, temos que ter unha reflexión para saír máis fortes no futuro", afirmou, ao ser preguntado sobre se o liderado de Iglesias se ve cuestionado por estes resultados, e sobre se corresponde esixir responsabilidades á dirección.

O secretario xeral de Podemos Galicia e candidato de Galicia en Común-Anova á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez-Reino, durante a súa intervención xunto ao secretario xeral de Podemos e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias. M. Dylan - Europa Press
O secretario xeral de Podemos Galicia e candidato de Galicia en Común-Anova á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez-Reino, durante a súa intervención xunto ao secretario xeral de Podemos e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias. M. Dylan - Europa Press

JUNQUERAS

O exvicepresidente do Govern e líder de ERC, Oriol Junqueras, celebrou este luns o resultado logrado "polas forzas independentistas e esquerdas" nas eleccións do País Vasco e Galicia.

"Zorionak @ehbildu! Parabéns @obloque!", destacou nunha mensaxe na súa conta de Twitter recollido por Europa Press.

Para Junqueras, as formacións independentistas e de esquerdas conseguiron "grandes resultados" en ambos os territorios.

"TANDEM FEIJÓO-CASADO"

O PP de Madrid xa lle ve as orellas ao lobo e fai seus os resultados de Feijóo. Así, o vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Montesinos, asegurou que este domingo se cultivou "un éxito do tándem" formado por Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, e recalcou que o modelo de Galicia é o que queren "implantar" a nivel estatal. Ademais, subliñou que os "dous derrotados clarísimos" este 12 de xullo son Pedro Sánchez e Pablo Igresias, cuxo Goberno de coalición "estrelouse no primeiro test" electoral tras a pandemia.

Nunha entrevista en Telecinco, recollida por Europa Press, Montesinos indicou que o triunfo nas eleccións galegas é "dos dous", tanto de Feijóo como de Casado. De feito, sinalou que así o "remachou o propio presidente da Xunta" onte á noite na súa comparecencia tras confirmarse a súa cuarta maioría absoluta.

O dirixente do PP indicou que en Galicia van ter un Goberno "centrado nas preocupacións reais de todos os galegos, moderado e cunha folla de ruta clara" para avanzar na recuperación económica tras a crise do coronavirus. E recalcou que se se queren as políticas de Feijóo "a clave é apostar polo PP a nivel nacional".

"ESTRATEXIA DA CRISPACIÓN"

Pola súa banda, o secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, asegurou este luns que os resultados das eleccións autonómicas en Galicia e País Vasco evidenciaron o fracaso da "estratexia de crispación do PP" fronte á "tese da moderación" dos socialistas e asegurou que a Feijóo lle foi "mellor" escondendo as siglas da súa formación.

Nunha entrevista en TVE, recollida por Europa Press, o dirixente socialista instou á formación de Pablo Casado a tomar "nota" de que a oposición "ruda, de derriba ao Goberno" e que vai a "remolque da ultradereita" non funciona.

"Todo indica que non hai que ir por eses camiños", afirmou, para despois sinalar que "cabe esperar un ton moito máis moderado" e que permita "chegar a acordos" entre partidos. "Oxalá tomen nota desta reflexión", apuntou.

PATRONAL GALEGA

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) felicitou este luns o PPdeG polo resultado electoral obtido este domingo, xa que "contribúe", dixo, "a unha estabilidade imprescindible" para "afrontar a recuperación económica, máis urxente e necesaria que nunca".

A continuación, pediu que o novo Goberno que configure Alberto Núñez Feijóo traballe "con prema e resolución no labor de reconstrución económica de Galicia" tras o pico da COVID-19.

Para iso, considera que é preciso pór en marcha canto antes o 'Plan de reactivación e dinamización económica'; e impulsar a competitividade dos sectores produtivos e a creación de emprego, pondo o foco no crecemento intelixente sobre a base do I+D+i e a modernización tecnolóxica e dixital, a variante enerxético ambiental e a sanitaria-social.

Entre os deberes da patronal galega está tamén abordar a reindustrialización de Galicia; fortalecer as políticas activas de emprego e os plans de formación das empresas para potenciar a capacidade das persoas; así como captar e reter o talento e o posicionamento de Galicia como un referente para a atracción de investimentos.

Tamén "procurar a chegada definitiva" do AVE; frear o declive demográfico e atender á cohesión social e ao medio rural; e defender os intereses de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico.

PSPV

Por outra banda, o 'president' da Generalitat e líder do PSPV, Ximo Puig, felicitou aos candidatos a seguir como presidentes en Galicia e Euskadi polos resultados deste domingo, unhas eleccións  nas que cre que gaña a estabilidade e "demóstrase a fortaleza do estado autonómico".

En rolda de prensa, o dirixente socialista puxo en valor o resultado "aceptable" do seu partido en ambas as comunidades pondo en valor o "gran esforzo" que realizaron en plena pandemia.

Temas: ELECCIóNS 12X
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta