O Goberno central fai un chamamento aos usuarios de kaiaks e canoas ante os últimos incidentes

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pídelles que sigan as medidas de prevención e seguridade establecidas. En Galicia producíronse nas últimas semanas dous accidentes mortais, así como varias incidencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/07/2020 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través da Dirección Xeral da Mariña Mercante, fixo un chamamento a que os usuarios de kaiaks e canoas sigan as medidas de prevención e seguridade establecidas, ante os últimos accidentes e incidentes deste tipo de embarcacións que se produciron recentemente nas costas españolas, varios deles en Galicia, onde aínda permanecen dous mozos desaparecidos.

Canoa no Ézaro
Canoa no Ézaro | Fonte: Luis Matias Lopez Rivas - Wikimedia.

Tal e como apunta o Ministerio, o uso "cada vez máis estendido destas embarcacións", que non requiren titulación previa, está "a provocar numerosas incidencias que, nalgunhas ocasións, desembocan en traxedia". En Galicia producíronse nas últimas semanas dous accidentes mortais, así como varias incidencias.

Esta "traxedia", indica o Goberno, "pode evitarse se se contemplan as medidas de prevención e seguridade necesarias", establecidas de forma concreta para kaiaks e canoas, que afectan á embarcación e aos seus tripulantes.

En concreto, o Ministerio lembrou que, antes de saír, os usuarios "deben estudar con detemento o boletín meteorolóxico e as previsións para as próximas horas e non botarse ao mar se hai vento, incluído o vento de terra, que pode provocar que a embarcación se afaste da costa, mal tempo ou escasa visibilidade".

Tamén teñen que levar sempre un chaleco salvavidas especial para kaiak de mar, un chifre, espello de sinais, bengalas vermellas, un compás somerxible fosforescente, cinta adhesiva de alta resistencia e un coitelo. Para previr hipotermia, tras un posible envorco, é recomendable vestir cun traxe de neopreno con bandas reflectoras.

Outro dos elementos clave é o de dispor dun medio de comunicación para emerxencias. Así, recoméndase o uso dunha radio VHF portátil e estanco, porque tamén se poden escoitar os boletíns meteorolóxicos xornais que emiten Salvamento Marítimo e as estacións radiocosteiras, pero pode ser útil un móbil coa batería cargada e protexido contra a auga.

En canto ás medidas a ter en conta para a propia embarcación, antes de saír recoméndase aos usuarios que revisen o cobre-bañeira, leven unha bomba de achique manual e unha pa desmontable de reposto. Tamén se aconsella que aprendan e practiquen de antemán a "esquimotaxe", é dicir, a manobra que permite volver á posición de equilibrio despois dun envorco.

Ademais, a embarcación ten que ter un cabo de seguridade nos costados, con asas a proa e a popa, e un cabo de remolque a bordo de 10 metros de lonxitude, como mínimo. As bandas reflectoras na cuberta e nas pas tamén mellorarán a visibilidade de noite.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Atlantius

O chaleco non é obrigatorio, só pra quen non sepa nadar. O que hai é que facer cumprir as leis, non se pode navegar mais aló dun radio de media milla dende o punto de partida. Amáis só se pode facer dentro das rias salvo pequenas excepcións e xamáis sair con maruxía! Os gardacostas e o servizo de socorrismo son os que deben velar por que nengún kayaquista se pase da raia e instar os procedementos sancionadores que se deriven das practicas de risco. Pero xa se sabe que na Xunta hai moito mancebo e pouca dilixencia, e dispois veñen os problemas...