As conexións de Pescanova coa elite

Dende o fillo de Méndez até ex-cargos da Xunta. GC repasa as relacions dunha das empresas máis subvencionadas do Estado e quen ten en vilo a miles de pequenos inversores tras o seu sorprendente preconcurso de acreedores.

Por Walter Burns | Vigo | 06/03/2013 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Nunca en Galicia se escoitaran tantos axentes pedindo o resgate dunha empresa privada. A Confederación de Empresarios, os grandes xornais -especialmente El Correo Gallego- e a propia Xunta coinciden en que cómpre salvar a Pescanova a calquer custe.  Cómpre ter en conta que unha boa parte da súa débeda está en mans de Novagalicia Banco e outras entidades nacionalizadas que, en último término, dependen do Estado.

Portada de El Correo gabando a Pescanova
Portada de El Correo gabando a Pescanova

Nesta demanda, ademais da evidente importancia da compañía na economía galega, inflúen as relacións directas que ten a cúpula de Pescanova coa elite económica e política do país.

Por exemplo, no seu Consello sentase  como conselleiro independente Yago Méndez Pascual,  fillo de José Luís Méndez, ex-responsábel do equipo que levou a Caixa Galicia a quebra. Segundo lembra Gonzalo Garteiz en La Celosía, tamén é membro do comité de auditores Antonio Basagoiti, presidente de Banesto. A pertenza ao Consello asegura una enorme remuneración, 1,65 millóns en total en 2011.

Relacións co PPdeG

A cúpula de Pescanova tamén mantén unhas excelentes relacións co Partido Popular de Galicia. Cando o PPdeG perdeu o poder co bipartito, foron varios os cargos de confianza que recalaron na nómina da multinacional. 

Rueda posa diante dun dos barcos da filial de Pescanova en Chile
Rueda posa diante dun dos barcos da filial de Pescanova en Chile

Por exemplo, Manuel Suárez Lemus, ex-xefe de prensa da Consellería do Mar na última etapa da Era Fraga pasou a ser xefe de prensa da empresa pesqueira ao perder o PPdeG a maioría. Suárez Lemus volveu a un posto de confianza na Xunta en canto o PPdeG recuperou o poder e hoxe traballa nun cargo de confianza no Goberno do Estado.

En canto recuperou o goberno de Galicia, unha das primeiras medidas do PP foi cambiar o polémico plan acuícola para permitir a construcción de granxas en espazos protexidos pola Rede Natura. Isto abriu de novo as portas ao macrocomplexo de rodaballo en Cabo Touriñan. Se o cemento non cubre hoxe este espazo único é porque o prezo do rodaballo de acuicultura descendeu e Pescanova non foi quen de atopar financiamento pola crise e a reducción de axudas da UE.

120 millóns de axudas públicas

En parte grazas a estas conexións políticas, Pescanova é probablemente a empresa máis subvencionada na historia de Galicia. "A falta de control sobre esta sociedade é inexplicábel, máis cando recibiu subvencións públicas por 120 millóns de euros", explica La Celosía.

As masivas subvecións ás plantas acuícolas de Pescanova non son o único ingreso público que recibiu a cúpula de Pescanova nestes anos. Por exemplo,  Servicios Hípicos Hipigal recibiu 100.000 euros para o patrocinio dunha proba de saltos en Vigo. O presidente da compañía hípica é  Manuel María Fernández de Sousa Faro, presidente de Pescanova e máximo accionista co 14,5 por cento das accións. 

Un anunciante moi importante na prensa galega

A Pescanova tampouco lle faltan aliados mediáticos. A empresa é un dos principais anunciantes de cabeceiras como El Correo Gallego, que foi criticado no seu día por presentar propaganda de Pescanova como información. Tamén son excelentes as relacións con Faro de Vigo.

Tras a sorpresa do concurso de acredores, ningún dos grandes medios corporativos galegos lembraron que o ex-conselleiro delegado e 'alma máter' da empresa durante as últimas décadas, Alfonso Paz Andrade, vendeu 120.000 accións este mes. Desprendeuse do 0,5 por cento dos títulos, polos que gañou dous millóns de euros días antes do preconcurso de acreedores. 

Esta venda da accións será un dos puntos que terá que avaliar a Comisión Nacional do Mercado de Valores no expediente que ten que abrir pola suspensión temporal da cotización das accións. Os títulos perderon o 63% do seu valor en só dous días, aínda que hoxe mércores están a recuperar parte do valor perdido.

Manuel María Fernández de Sosa Faro , presidente de Pescanova, recibe un premio das mans do presidente da Xunta e en presenza do alcalde de Santiago
Manuel María Fernández de Sosa Faro , presidente de Pescanova, recibe un premio das mans do presidente da Xunta e en presenza do alcalde de Santiago
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xan soares

políticos, empresa que tocan empresa que afunden, e logo a culpa é do mercado "libre" e do capitalismo.