Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/06/2025 | Actualizada ás 22:00
Nun mundo hiperconectado e azoutado nos últimos anos por pandemias e brotes inesperados, hai ameazas que, aínda que menos mediáticas, non deixaron de avanzar nin de reinventarse. Unha delas é a gripe aviaria, e máis concretamente a variante A (H5N1), que dende a súa aparición en 1997 percorreu un camiño complexo e preocupante. Non estamos ante un virus novo nin ante unha enfermidade descoñecida, pero quizais ese aparente 'veteranismo' fixese que moitos baixasen a garda. Sen embargo, a realidade actual esixe todo o contrario: reforzar a vixilancia, estudar os cambios evolutivos do virus e prepararse ante posibles escenarios que, aínda que non inminentes, non deben descartarse. A historia deste virus non é liñal, nin moito menos estática. Pasou dos currais do sudeste asiático ás granxas de mamíferos mariños e, recentemente, aos cortellos do gando leiteiro nos Estados Unidos. O seu salto a especies que antes non se consideraban susceptibles expón novos retos científicos, loxísticos e sanitarios.
Que significa que unha enfermidade tipicamente aviar infecte a vacas? E que se desen casos en visóns, raposos ou mesmo porcos? Ata que punto pode achegarse o virus a unha transmisión entre humanos? Estas son só algunhas das preguntas clave que Galicia Confidencial quere respostar coa colaboración do epidemiólogo Juan Jesús Gestal Otero, unha das voces máis autorizadas no campo da medicina preventiva e a saúde pública en España. E, se ben insiste en que o risco para a poboación xeral continúa sendo moi baixo, advirte que a gripe aviaria non deixou de evolucionar, e que o seu salto entre especies podería ser un indicio de camiños aínda inexplorados. Non é tempo de alarmismo, pero si de prevención informada e sostida no tempo. Porque, como el mesmo conclúe, "a posibilidade de que o virus mute e adquira capacidade de transmisión entre humanos obríganos a manter a vixilancia e as medidas de saúde pública".
DENDE QUE ESTADOS UNIDOS DETECTOU O PRIMEIRO CASO DE GRIPE AVIARIA EN GANDO LEITEIRO E PORCINO, PREOCUPA A TRANSMISIÓN ENTRE MAMÍFEROS
O tamén catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), traza unha liña temporal que arrinca en Hong Kong, en 1997, cando se detectaron os primeiros 18 casos de gripe aviaria en humanos, con 6 mortes. Por aquel entón, o sacrificio de preto de 2 millóns de aves fixo pensar que o problema se contivera, pero a realidade, como advirte, foi outra: o virus continuou circulando en aves silvestres e reapareceu no 2003, comezando unha expansión a grande escala que xa non se detería. Dende esa, vivíronse dúas grandes etapas na evolución do virus. A primeira, como explica Gestal, deuse entre 2003 e 2021, coa propagación polo sudeste asiático e a aparición de brotes en África e Europa. Tratábase dunha "epornitia" --epidemia en animais-- con casos puntuais en humanos, todos eles vencellados a un contacto estreito con aves enfermas en currais con deficiente hixiene na parte traseira das casas. Nesa fase, o virus amosaba unha altísima letalidade, próxima ao 60 % nos humanos infectados. A súa propagación cara o oeste, a través das rutas migratorias das aves acuáticas entrando en Europa e África e, no 2021 en América do Norte, e logo Central e do Sur en 2022.
A segunda etapa, e a que máis inqueda á comunidade científica a día de hoxe, comezou no ano 2022, cando 19 países de tres continentes notificaron brotes do virus de gripe aviar A (N5N1) en mamíferos. Dende entón, aumentou a transmisión a especies non aviares, incluídos mamíferos terrestres salvaxes e domésticos de compaña e de produción, e mamíferos mariños. A finais de marzo de 2024, Estados Unidos confirmou o primeiro caso de gripe aviaria en gando leiteiro, unha especie que nunca antes se considerara reservoria do virus. Tratábase do clado 2.3.4.4b do virus A (N5H1), xenotipo B3.13. "Dende entón, estendeuse por numerosos estados, con California á cabeza, rexistrando preto do 80 % dos casos", explica Gestal. Tamén se detectaron dous porcos infectados en Oregón, nunha granxa con múltiples especies, o que xerou especial preocupación pola posible transmisión entre mamíferos. Esta situación levou ao Goberno estadounidense a implementar probas sistemáticas na subministración nacional de leite en crú ou non pasteurizada, co obxectivo de monitorizar a propagación do virus nas vacas leiteiras. Estas probas comezaron en decembro de 2024 en 6 estados, entre eles California, Colorado e Michigan.
NO 2024 DETECTÁRONSE 81 CASOS DE GRIPE AVIARIA EN HUMANOS, O MAIOR NÚMERO REXISTRADO DENDE O 2015
No territorio da Unión Europea e no Espazo Económico Europeo, polo dagora, non se detectou a presenza do virus en gando bovino, nin do clado e xenotipo que circula nos Estados Unidos: o 2.3.4.4b. Pero o escenario internacional convida á vixilancia. "Aínda que os informes de transmisión dos virus deste clado entre mamíferos a nivel mundial son escasos", matiza Gestal, "a situación actual, con contaxios en gando bovino leiteiro nos Estados Unidos, as mortes masivas reportadas en mamíferos mariños, así como infeccións en visóns e raposos en Europa, apuntan a unha transmisión entre mamíferos, algo que require máis estudos para ser confirmado". Ademais, o risco de contaxio humano tamén volveu poñerse enriba da mesa.
Dende o 2003 ata o 12 de decembro do 2024, a Organización Mundial da Saúde (OMS) rexistrou 954 casos humanos en 24 países, con 464 mortes, o que supón unha letalidade do 48,6 %. Houbo picos importantes en 2006 (115 casos) e 2015 (145 casos) e, dende entón, descenderon... Ata 2023, cando volveron aumentar, especialmente nas Américas, en persoas en contacto con aves e gando leiteiro. No 2024 notificáronse 81 casos: 66 deles nos Estados Unidos, 10 en Camboia, 2 en Vietnam, 1 en Australia, 1 en Canadá e 1 en China. Trátase do maior número de casos humanos rexistrado dende o 2015. Na UE e en España, dende 2020 e ata o intre actual, non se confirmaron casos de infección humana.
"DENDE 2020 A MAIORÍA DAS INFECCIÓNS HUMANAS SON ASINTOMÁTICAS OU PRESÉNTANSE CON SÍNTOMAS LEVES: CONXUNTIVITE, TOS, FEBRE..."
Afortunadamente, como explica o epidemiólogo, "dende 2020 a maioría das infeccións humanas son asintomáticas ou preséntanse con síntomas leves como conxuntivite ou síntomas de catarro, como tos ou febre", o que contrasta cos cadros máis graves rexistrados no pasado. "As avaliacións de risco actuais indican que o perigo para a poboación xeral é moi baixo, e baixo tamén para os traballadores expostos, sempre que usen os equipos de proteción axeitados", destaca Gestal. Aínda así, advirte de que a ameaza pandémica persiste no horizonte. A comunidade científica mantén o foco sobre o H5N1 porque, aínda que por agora non se detectou transmisión entre humanos, "a posibilidade de que o virus mute e adquira esa capacidade de transmisión eficiente interhumana obriga a manter a vixilancia e reforzar as medidas de saúde pública", afirma Gestal, que tamén subraia a necesidade de mellorar a detección precoz de casos e estudas novas vías de transmisión.
Non estamos, por tanto, ante un episodio illado nin ante unha enfermidade que xa quedase atrás. A gripe aviaria A (H5N1) segue reconfigurando as súas rutas, ampliando o abano de especies que pode infectar e desafiando as fronteiras entre o previsible e o incerto. Aínda que as autoridades sanitarias consideran que o risco para a poboación xeral é hoxe por hoxe moi baixo, iso non significa que poidamos relaxarnos. "Todos os casos humanos actuais teñen unha fonte animal", lembra Gestal, pero non se pode descartar que futuras mutacións do virus abran a porta a unha transmisión eficiente entre humanos. Ese é o verdadeiro temor latente: que un virus persistente e adaptable coma este atopa a maneira de burlar as nosas defensas naturais e sociais. Por iso, máis aló da alarma, o que se impón é unha vixilancia constante, unha capacidade de resposta áxil e un compromiso sostido coa investigación. Porque ás veces non é o virus descoñecido o que nos sorprende, senón aquel ao que críamos ter baixo control.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.