Morre un dos feridos no accidente do hidroavión que traballaba no incendio de Lobios

O outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero. A ministra Yolanda Díaz e o BNG piden esclarecer as causas do accidente.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 08/08/2020 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

Un dos dous tripulantes do hidroavión sinistrado cando realizaba labores de extinción no incendio forestal rexistrado no municipio ourensán de Lobios faleceu por mor das lesións sufridas.

Hidroavión accidentado nun incendio en Lobios
Hidroavión accidentado nun incendio en Lobios | Fonte: Twitter

Diso informou a Consellería do Medio Rural, que explica que o outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal nun helicóptero do país veciño. Ao momento tamén se trasladou o helicóptero Pesca I da Xunta.

Pola súa banda, a Delegación do Goberno precisou que o falecido é de orixe portuguesa mentres que o outro piloto ferido é español. Ambos formaban parte do operativo de extinción de incendios portugués que traballaba neste incendio que afecta o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés en ambas as rexións.

Aínda que nun primeiro momento a Delegación do Goberno informou de tres feridos --os dous pilotos e un mecánico--, fontes do operativo consultadas explicaron que só foran atendidas dúas persoas --os dous pilotos--, unha información que tamén confirmou a Consellería do Medio Rural, que detalla que no avión só viaxaban estas dúas persoas.

En concreto, trátase dunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o goberno de Portugal ten alugados tres avións --dous operativos e un en reserva-- en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco.

O incendio no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta o Parque Natural dá Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios (Ourense) ás 8,00 horas da mañá procedente de Portugal.

Segundo as primeiras estimacións da Consellería de Medio Rural, afecta a unhas 10 hectáreas en territorio galego. No control participan catro axentes, oito brigadas, tres motobombas, nove avións e cinco helicópteros.

O CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos servizos sanitarios, do GES de Lobios, Salvamento Aéreo e Rescate, así como da Garda Civil.

PÉSAME DE PEDRO SÁNCHEZ  E NÚÑEZ FEIJÓO

O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, trasladou unha mensaxe ás familias das vítimas do accidente: "Todo o meu agarimo para as familias das vítimas e o recoñecemento de todo o Goberno aos equipos que loitan contra os incendios forestais", publicou Sánchez na súa conta de Twitter.

Así mesmo, o presidente do Executivo destacou que está atento ás informacións sobre o accidente do hidroavión portugués que traballaba na extinción do incendio de Lobios.

Tamén o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o seu pésame á familia do piloto de orixe portuguesa falecido: "Sigo con preocupación a evolución do ocupante ferido o accidente do hidroavión en Lobios, esperando a súa recuperación. O meu agarimo para a familia do tripulante que tristemente faleceu no sinistro", sinala nunha mensaxe publicada na rede social Twitter e escrito en galego.

Ademais, o máximo mandatario autonómico mostra o seu agradecemento aos servizos de emerxencia pola súa profesionalidade e pronta actuación.

ESCLARECER A CAUSA DO ACCIDENTE

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou que se deben esclarecer as causas do accidente do hidroavión portugués.

Nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social Twitter, a ministra destacou que, "cada verán, nos terribles incendios que devoran os montes, as persoas de servizos de extinción xóganse a vida".

"Hoxe lamentamos un accidente en Lobios. Traslado todo o meu agarimo á familia do traballador falecido e esperamos pronta recuperación do traballador ferido", sinala a ministra, que subliña que a seguridade no traballo debe de ser "unha condición indispensable en todas as contornas laborais".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén pediu unha investigación sobre as causas do accidente. Ademais, a deputada ourensá Noa Presas avanzou que a próxima semana pedirá unha comparecencia da Xunta no Parlamento para que informe de todos os "detalles" que se soliciten.

A través de varias mensaxes na súa conta de Twitter, Pontón afirmou que este sábado "é un día de loito para Galicia" e manifestou o seu "sentido pesar" e o da formación que lidera á familia e amizades do falecido, así como "a todo o persoal de extinción".

Ademais, enviou os seus "mellores desexos" para o tripulante ferido e "moita forza ás persoas que cada día pon en risco as súas vidas" para salvagardar a seguridade dos demais.

As persoas que cada verán loitan contra os incendios "fan un labor esencial", que a líder do BNG pediu "valorar e recoñecer". Investigar o sucedido é "o mínimo esixible nun sistema democrático", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta