A Costa da Morte di "non" á eucaliptización "curtopracista" da comarca que apoia a Xunta

"O monocultivo de eucalipto provoca graves problemas medioambientais e só beneficia a unha empresa", apuntan dende ADECOM.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Sensacións positivas" tralo primeiro debate sobre o estado dos montes da Costa da Morte, convocado, pola Asociación para a Defensa da Costa da Morte (ADECOM) para tentar dilucidar o futuro da comarca baixo a 'eucaliptización' sancionada pola Xunta. O acto, que foi secundado por comunidades de montes, entidades sociais e profesionais, foi desenvolto o pasado sábado en Corcubión baixo o título "Eucalipto: presente e futuro?" con acordo xeral de todas as partes.

Eucaliptos. XUNTA
Eucaliptos. XUNTA

Segundo informan dende a plataforma, a reunión veciñal e social "evidenciou a necesidade de superar o monocultivo de eucalipto nos nosos montes", un modelo "do que só se está a beneficiar unha empresa" e que, por riba, "provoca problemas graves medioambientais, de seguridade para as persoas e de perda de calidade de vida no medio rural, co conseguinte abandono do mesmo".

A asistencia ao debate, que tamén se retransmitiu por Internet, coincidiu en sinalar as consecuencias catastróficas que o monocultivo masivo de árbores alóctonas (sobre todo de Eucalyptus) supón para os montes da comarca, mais tamén na existencia dunha "unha mentalidade moi instaurada na poboación" que, apuntan, "vai ser difícil de mudar".  "Certas empresas -coa connivencia da Xunta- levan moitos anos investindo grandes sumas en promover a falsa idea de que o eucalipto é a única opción rentable para o monte".

Polo contrario, no debate evidenciouse que "ante a procura do beneficio inmediato e curtopracista", existen outros modelos moito máis rendibles e que "melloran o entorno de tal maneira que mesmo poden beneficiar a outros sectores económicos", unha externalidade que, apuntan, non acontece co eucalipto. Dende ADECOM apuntan que seguirán traballando para manter vivo o debate veciñal sobre o futuro da eucaliptización da comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta