A mirada de fotógrafos galegos sobre a pandemia

Afundación prepara para o próximo outono o proxecto expositivo "Galicia en vilo. A ollada dos fotógrafos galegos sobre a pandemia que mudou as nosas vidas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, prepara para o próximo outono o proxecto expositivo "Galicia en vilo. A ollada dos fotógrafos galegos sobre a pandemia que mudou as nosas vidas", que ofrece a mirada dos fotógrafos profesionais galegos sobre a pandemia sanitaria.

Afundación inaugurará no outono a mostra 'Galicia en albas' sobre a mirada de fotógrafos galegos sobre a pandemia.. AFUNDACIÓN
Afundación inaugurará no outono a mostra 'Galicia en albas' sobre a mirada de fotógrafos galegos sobre a pandemia.. AFUNDACIÓN | Fonte: Europa Press

A mostra poderá visitarse na Sede Afundación da Coruña, informou a entidade. Co obxectivo de documentar o "extraordinario momento histórico" que se vive, indicaron as mesmas fontes, o proxecto da Obra Social de Abanca, coordinado polo xornalista gráfico Miguel Riopa, "abordará desde a mirada profesional e persoal dos fotógrafos que participan no proxecto, distintos aspectos do tempo de confinamento e das súas repercusións en todos os ámbitos".

"As novas relacións, os novos modos de traballar, de aprender, de comprar, de facer deporte, de xogar, e as grandes imaxes que retratan a crise sanitaria, compoñen un retrato histórico que quere ser tamén un recoñecemento ao labor, sacrificio e entrega de todos os equipos sanitarios, así como de todos os colectivos de traballadores e traballadoras que estiveron na primeira liña da loita contra a pandemia", explicaron por parte da organización.

A entidade internacional Museums Association publicou unha declaración que detalla como se debe abordar a recompilación e divulgación de material documental da Covid-19, salientando a importancia de facelo con "sensibilidade e respecto", engadiron.

Estes conceptos serán a base ética desta exposición, que nace, destacaron, "como unha resposta de Afundación dentro do seu compromiso coa sociedade galega". En palabras do coordinador da mostra: "A información constrúese con imaxes. Tamén a memoria. As imaxes daquilo que nunca puidemos ver porque estabamos confinados: as rúas eran un mundo solitario, alleo, desconcertante e durante preto de dous meses, vimos o que pasaba a través da mirada dos fotoperiodistas".

"Contáronnos o silencio das rúas, a actividade frenética do persoal sanitario pelexando cun virus do que apenas sabiamos nada. Foron esenciais. A mirada dun fotógrafo ve pola nosa", engade Miguel Riopa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta