Investigan a morte violenta dun veciño de Carnota en Francia

O mozo de 31 anos desapareceu na noite do pasado martes despois de participar ese día nun curso de formación con outros compañeiros. Todo parece indicar que foi vítima dun atraco.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2020 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

As autoridades francesas investigan a morte violenta dun veciño do municipio coruñés de Carnota, que supostamente foi vítima dun atraco en Harfleur (Francia) a pasada semana. Segundo explica o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, que estivo este luns coa familia do falecido, o mozo de 31 anos desapareceu na noite do pasado martes despois de participar ese día nun curso de formación con outros compañeiros.

Comisaría francesa / Frédéric Bisson en Flickr https://www.flickr.com/photos/zigazou76/41484209844
Comisaría francesa / Frédéric Bisson en Flickr https://www.flickr.com/photos/zigazou76/41484209844

O mozo levaba uns meses empregado nunha empresa luxemburguesa de mantemento eólico e traballaba nesta zona da rexión da Alta Normandía.

A compañía chamou ao día seguinte a casa dos pais ao non aparecer no seu posto de traballo. O venres localizouse un cadáver nun hospital, que foi recoñecido por un compañeiro como o do mozo carnotán. O seu falecemento produciuse no centro hospitalario na tarde do xoves.

Este veciño de Carnota presentaba diversos "golpes na cara", polo que "foi mesmo difícil de recoñecer" para o seu compañeiro de traballo. Ademais, apareceu "sen carteira, sen teléfono móbil e sen documentación". "Todo indica que foi un atraco ou algo así", expresa o rexedor.

O consulado español na zona trasladou á familia que a Policía francesa iniciou unha investigación, polo que se prevé que a repatriación do corpo "tarde máis" e non leve a cabo ata dentro duns días.

A familia, residente na parroquia carnotá de Lira, está á espera da autopsia que se prevé levar a cabo este luns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta