Santalices di que o "sorprendeu un pouco" que Galicia en Común non tivese representación no Parlamento

O presidente do Parlamento entende que un pacto unánime para a reconstrución entre os tres partidos parlamentarios, sería "magnífico" para comezar a lexislatura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2020 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, considerou que arrincar a lexislatura cun pacto pola reconstrución apoiado polo tres grupos con representación na Cámara galega sería "magnífico".

"Sería unha imaxe magnífica", afirmou este domingo nunha entrevista na Cadea SER, na que considerou que o próximos catro anos estarán marcados pola necesidade de "axudar ás persoas" que sofren a COVID-19 e as súas consecuencias, algo sobre o que "ten que haber acordo", mesmo "por encima das discrepancias políticas".

Ese consenso é, ao seu xuízo, "a mellor homenaxe" ás vítimas da enfermidade e é "algo que a xente está a esperar". O feito de que sexan tres partidos na Cámara pode facilitar o acordo, dixo, aínda que manifestou que cre que a base para o mesmo é que haberá que lexislar sobre "o humano".

Aos deputados suxeriulles que "poñan un pouco o retrovisor" para que vexan "exemplos" de que "as estridencias non son nada boas" e pediu que manter "unhas formas e unha dignidade" no debate, aínda que se poida "bater un pouco" ao adversario político.

Santalices dixo que lle "sorprendeu un pouco" que Galicia en Común non obtivese representación e considerou que é "produto" da "fragmentación enorme" que se viviu na Cámara galega.

FEIJÓO, "UN BRILLANTE XESTOR"

Sobre o presidente da Xunta en funcións e compañeiro de partido, Alberto Núñez Feijóo, Santalices dixo que é "un brillante xestor e un home que afrontou esta situación tan crítica dunha maneira exemplar".

"Non se canto durará isto --a crise da COVID--, pero sei que, mentres isto dure, Feijóo é un home imprescindible, aquí e onde sexa", defendeu, en resposta a se considera que podería continuar a súa carreira política en Madrid. "Ten uns coñecementos extraordinarios e unha capacidade de xestión e anticipación da que neste momento non poderiamos prescindir", manifestou.

Sobre se se ve a si mesmo como senador por designación autonómica, Santalices indicou que acaba de ser elixido presidente do Parlamento galego e que esta é a súa "misión". "Tan mal está o Senado para que vaia  presidilo eu?", chanceou.

Para arrincar os traballos, indicou que este luns hai unha reunión da Mesa do Parlamento, na que presentará un calendario para os trámites necesarios para constituír os grupos e as comisións, celebrar a sesión solemne de apertura da lexislatura e acoller o debate de investidura.

Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, á chegada á reunión de grupo antes do arranque do XI Lexislatura
Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, á chegada á reunión de grupo antes do arranque do XI Lexislatura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pos sí certamente que Galicia en Común (que non ten nada en común con Galicia!) quedase fóra do Parlamento con 51.223 votos (3,93%) é algo bastante anómalo dende un punto de vista democrático ! O umbral do 5% establecido por Manuel Fraga ten varias lecturas ! Tamén Vox quedou fóra con 26.485 votos (2,03%) Habería que cambiar a lei electoral galega ou está ben como está? http://www.galiciaconfidencial.com/... Debate aberto...