Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 19:07
As provincias da Coruña e Pontevedra estarán este mércores en alerta amarela debido a un fenómeno meteorolóxico que deixará fortes ventos e choivas no territorio.
Segundo os datos de Meteogalicia, o aviso iníciase este martes e estenderase durante toda a noite e a mañá do mércores con ventos de forza sete e compoñente sur entre Fisterra e Sisargas, na Costa da Morte e no noroeste da Coruña.
A partir das 12,00 horas, unha borrasca situada ao suroeste de Irlanda provocará ventos que poderían superar os 80 quilómetros por hora no oeste da Coruña, e que se estenderán ao noroeste a partir das 15,00 horas.
Tamén se rexistrarán ventos fortes de forza sete e compoñente sur en case todo o litoral galego, que dará lugar a mar combinado con ondas de 4 a 5 metros mar dentro. Doutra banda, entre as 18 e as 21,00 horas, espéranse precipitacións con máis de 15 litros por metro cadrado nunha hora na provincia coruñesa e Pontevedra.
Este mércores espéranse intervalos de vento forte no oeste e precipitacións localmente fortes en Galicia. No oeste da comunidade os ceos estarán nubrados ou cubertos e con precipitacións que poderán chegar a ser localmente fortes e persistentes. Ao longo do día pero con menor probabilidade de intensidade canto máis ao leste, as precipitacións estenderanse ao resto de Galicia e ao oeste de Asturias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.