O BNG denuncia os cheiros que provoca o depósito "incontrolado" de residuos na canteira de Touro

Di que a "pestilencia" ten durado máis de dous días. A empresa Explotacións Gallegas, propietaria dos terreos da antiga mina de Touro, afirmou este venres que o plan logrou "unha importante recuperación" nos 20 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2020 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O BNG denunciou este venres que a "nefasta" xestión de residuos que fai a empresa Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste na antiga canteira de Touro leva a un depósito "incontrolado" de lixos e a un problema recorrente de "pestilencia" que afecta "á calidade de vida e á saúde" dos veciños.

Así o manifestou nunha rolda de prensa o portavoz do BNG no municipio, Xoán Louzao, que explicou que a empresa conta desde 2015 cunha autorización para xestionar residuos urbanos e industriais non perigosos. "O que non ten é autorización para tirar os residuos pola canteira", sinalou.

Este problema de contaminación odorífera, agregou, quedou "tapado" polos plans para retomar a actividade da mina en Touro e O Pino e as protestas en contra deste proxecto, rexeitado finalmente pola Xunta por non garantir a sustentabilidade ambiental. No entanto, dixo Louzao, agora ao problema da contaminación mineira na zona únese o do mal cheiro.

De acordo co portavoz da formación nacionalista en Touro, considérase que existe contaminación odorífera cando se dan episodios que superan os 27 minutos e, segundo os datos da propia empresa, constan algúns dun ou dous días, manifestou e agregou que documentos internos da compañía admiten que é necesario mellorar en materia de cheiro.

O portavoz de Medio Rural do BNG, Xosé Luís Rivas 'Mini', afirmou que se está facendo unha xestión dos residuos "neglixente" e "coa conivencia clara da Consellería porque hai intereses espurios". Na zona, dixo, entran diferentes tipos de refugallos e atopáronse bacterias "que viven en situacións extremas de acidez".

O portavoz do BNG en Touro, Xoán Louzao, fala sobre a xestión de residuos na mina de Touro acompañado do portavoz de Medio Rural do BNG, Xosé Luís Rivas 'Mini', e a deputada Iria Carreira.
O portavoz do BNG en Touro, Xoán Louzao, fala sobre a xestión de residuos na mina de Touro acompañado do portavoz de Medio Rural do BNG, Xosé Luís Rivas 'Mini', e a deputada Iria Carreira. | Fonte: Europa Press

A EMPRESA DI QUE A ANTIGA MINA TEN UNHA "IMPORTANTE RECUPERACIÓN"

A empresa Explotacións Gallegas, propietaria dos terreos da antiga mina de Touro e responsable da execución da restauración ambiental da zona, afirmou este venres que o plan logrou "unha importante recuperación" nos 20 anos que leva en marcha e que a compañía está sometida a "un control constante" por parte das administracións.

Así o dixo en resposta ás afirmacións do BNG, que este venres denunciou en rolda de prensa que hai un depósito "incontrolado" de residuos na antiga canteira por parte da empresa Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste --que forma parte do actual centro de valorización situado nos terreos-- e que este provoca un problema pola "pestilencia".

A empresa fai referencia na súa resposta ao plan de rexeneración elaborado hai máis de 20 anos, "aprobado pola Consellería de Medio Ambiente" e que é "un exemplo mundial" e "se exportou" para outras restauracións. O terreo está agora cuberto por "unha gran masa vexetal" e "logrouse mellorar a calidade das augas dos ríos da contorna" ata alcanzar os obxectivos do Plan Hidrolóxico de Galicia".

A antiga mina, lembra, foi explotada por Riotinto e anos despois comprou as terreos Explotacións Galegas. Como propietaria da leira e responsable de executar o plan de restauración ambiental está sometida a "control constante" das administracións, do mesmo xeito que outras empresas que elaboran tecnosoles, que é o caso de Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste.

A empresa lembra que membros do BNG visitaron xa os terreos da antiga mina e suxeriu que volvan ao lugar, unha invitación que fan extensiva a "todos os partidos, veciños e sociedade civil".

O Centro de Valorización Ambiental de Touro-O Pino ocupa na actualidade o que antes era a mina de Touro e está formada por catro empresas: Explotacións Galegas, dedicada á produción de áridos; TYRMA, especializada en reciclaxe de plástico flexible; CVAN, centrada en innovación e Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste, especializada en xestión de residuos.

Esta última, coa que se relacionan as denuncias do BNG, xestiona residuos non perigosos como lodos de depuradoras, cinzas de caldeiras de biomasa ou escorias "xerados pola comunidade galega". Produce tecnosoles, utilizados para restaurar chans degradados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 miñoca

Certo é o que di o Sr. Louzao. T.E.N. dispón dunha Autorización Ambiental Integrada desde 2.015. Pero esquénceselle que cando o proxecto foi sometido a información pública. Nen o BNG, nen o PSOE nen o PP presentaron alegación algunha.A palabra solta non ten volta Sr. Louzao, vostede coñece perfectamente que a única alegación presentouna, que curioso, TOYSAL. Tamén sabe que se a empresa TEN está hoxe inculpada nun posible delito medioambiental non é polo BNG.

2 miñoca

Ao BNG caiulle a brúxula nas balsas de residuos

1 miñoca

Destes asuntos, o BNG sabe moito. Tratamentos ecologicos del Noroeste, S.L.(TEN) cando hai cinco anos publicouse no DOG o periodo de alegacións a Autorización Ambiental Integrada, sabedes cántas presentou o BNG? Ningunha. Moitas notas de prensa. Denuncias Ningunha. Este é o papelón que xoga o BNG neste asunto