Denuncian o abandono da Atención Primaria durante a pandemia da COVID por parte do SERGAS

“A Xunta atribúelle a responsabilidade do rastrexo de contactos de infectados a AP, pero non lle dá medios nin recursos” din desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/08/2020 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) denuncia nun comunidado a ausencia de melloras da Atención Primaria despois do “restablecemento da normalidade” posterior á fase de desescalada. A AGDSP sinala que o actual contexto sanitario por culpa da COVID-19 demostrou a importancia de ter un nivel asistencial universal, “próximo á poboación e coñecedor do historial de saúde das persoas, familias e comunidades”.

Centro de Atención Primaria
Centro de Atención Primaria | Fonte: EP

Tamén segundo a AGDSP , Atención Primaria (AP) diagnosticou e tratou a enfermos da COVID-19 de pouca gravidade nos seus domicilios, “evitando o colapso dos hospitais públicos, moi recortados pola Xunta do PP”

Por este motivo, lembran que a Atención Primaria atravesaba por unha profunda crise antes da pandemia debida aos recortes efectuados polos gobernos do PP. Ademais das barreiras de acceso a primeiras consultas e a probas diagnósticas, atrasos inxustificados das intervencións cirúrxicas, falta de profesionais ou o sometemento de moitas actividades aos intereses dos hospitais.

Esperábase que a actual epidemia servise para que o goberno galego restablecese e impulsase a reforma e mellora da AP. Non obstante, a plataforma defensora da sanidade pública denuncia que a situación non cambiou.

Por iso denuncian que moitos centros non permiten as consultas presenciais dos pacientes, a maioría son atendidas por teléfono, mentres que moitas persoas e lugares non teñen acceso a Internet. A isto hai que sumarlle que nalgúns centros non se permite a entrada de pacientes tendo que facer cola na rúa. Critican ademais a falta de libre acceso ás probas diagnosticas da COVID “mentres se pretende realizar screening a máis de 60.000 persoas, que xa se demostrou que non vale para nada”.

“A Xunta atribúelle a responsabilidade do rastrexo de contactos de infectados a AP, pero non lle dá medios nin recursos”. AGDSP denuncia tamén problemas de coordinación cos servizos de Saúde Pública e Medicina Preventiva na loita contra a pandemia.

Sobre as residencias de maiores, a AP non ten recursos nin tempo para poder atender ás persoas usuarias pola non substitución de profesionais de baixa ou de vacacións e “unhas consultas masificadas con 30-40-50 pacientes diarios”.

A asociación avusa que esta situación representa un risco para “a saúde do conxunto da poboación, xera preocupación e malestar social, favorece as consultas privadas onde parece que non hai restricións por COVID e marxina a poboación do rural, as persoas maiores ou as de menor nivel socioeconómico”.

Por último consideran que se isto non cambia, a nova realidade sanitaria post-pandemia suporá máis deterioro para a Atención Primaria, “que manterá os recortes, será menos accesible e seguirá subordinada ao nivel hospitalario”. Tambén cren que será “necesario unha nova mobilización social e profesional para evitar o deterioro irreversible da Atención Primaria Pública”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta