Un positivo detectado nun campamento en Teo provoca o illamento e realización de 20 PCR aos participantes

A entidade organizadora destaca que foron "moi estritos" cos medidas de seguridade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

Un positivo por COVID-19 detectado nunha nena --de orixe familiar-- levou a activar un protocolo de prevención no marco do que se realizaron 17 PCR a menores e tres a monitores dun campamento dos Tilos, en Teo (A Coruña) no que participaba a contaxiada.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o membro do equipo directivo da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, Manuel Buján, que organiza o Campamento de Verán ao que asistía a nena que deu positivo. "Faltan tres nenos por saber e todos os demais deron negativo", destacou.

Por parte da organización que promove este campamento urbano con 300 inscritos este verán --desde xullo-- apuntaron que unha vez que se tivo coñecemento do positivo dunha nena "illouse ao grupo no que estaba" e a outro co que fixeran algunha actividade a semana pasada.

Mentres, o resto de grupos continúan coas actividades. De feito, Manuel Buján valorou a asistencia do resto de participantes. "A xente ve que fas as cousas ben", afirmou en relación ao protocolo de seguridade establecido e o levado a cabo tras ter coñecemento do caso positivo.

Por iso, destacaron que se trata dun "caso illado" e mostráronse "tranquilos", porque este verán contaron cuns 300 asistentes ao campamento, que vai pola súa "vinte edición". "Baixou (a asistencia) un pouquiño", admitiu para lembrar que outros anos chegaban a uns 500 nenos.

A entidade defendeu que foron "estritos" coas medidas de seguridade "para realizar as actividades de campamento". Ademais, agradeceu a "responsabilidade e solidariedade de todas as familias do Campamento de Verán 2020" e todo o equipo para "actuar e previr con moita brevidade".

Campamento de verán en Redondela o pasado ano
Campamento de verán en Redondela o pasado ano | Fonte: Flickr

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta