Denuncian que a Xunta "mentiu" e "incumpriu" o protocolo ao non illar a unha brigada de bombeiros cun positivo

Un dos efectivos alertou de que estivera en contacto con contaxiados o sábado 29. A Xunta non impuxo corentena ata o luns 31, e logo afirmou que actuara "ante as primeiras sospeitas", segunda denuncia o CSIF. Os bombeiros continuaron traballando cando a Xunta "xa coñecía os contactos".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Nova denuncia do CSIF a respecto da "ocultación de datos" que supostamente estaría a practicar a Consellería de Medio Rural. O sindicato vén de emitir un comunicado no que acusa á Xunta de Galicia de "incumprir" o protocolo sanitario ao demorar o illamento dunha brigada de bombeiros ata dous días despois de que foran reportados os primeiros contactos.

Bombeiros. CONCELLO DA CORUÑA
Bombeiros. CONCELLO DA CORUÑA

A brigada en cuestión corresponderíase co Distrito Forestal VI, situado na Mariña Lucense. Segundo destaca o sindicato, as sospeitas de contaxio comezaron "na metade da quenda" do pasado sábado 29, cando a brigada comunicou ao distrito que un compoñente mantivera "contacto directo" con varias persoas positivas.

Aínda que -segundo o sindicato- o protocolo implicaría o illamento preventivo inmediato dos traballadores, o distrito "obrigou á brigada a continuar coa súa quenda", permitindo tan só o illamento da persoa sospeitosa, que uns días despois remataría dando positivo por covid-19. Ó día seguinte a brigada volveu de novo ó traballo, entrando en contacto con outro bombeiro que ata entón permanecera lonxe do posible gromo.

Finalmente o grupo recibiu ordes de gardar corentena o luns 31, dous días despois de que fora comunicado o primeiro contacto. Ante estas circunstancias, a denuncia do sindicato céntrase en que a Xunta asegurou que o illamento da brigada fora inmediato, apuntando que “á primeira sospeita sobre este posible caso tívose o pasado luns e xa entón, de maneira preventiva e seguindo os protocolos sanitarios establecidos, procedeuse a separar a esta persoa e a enviar a todos os integrantes da brigada aos seus domicilios”.

ASEGURAN QUE A XUNTA "MINTE"

Os bombeiros foron obrigados a traballar cando a Xunta "xa coñecía os contactos con positivos", segundo o CSIF 

Por esta razón o sindicato defende que a Xunta "minte" ós medios de comunicación para "tratar de xustificarse e minimizar a incidencia da COVID-19 en Medio Rural". Do mesmo xeito, sinala o CSIF, o goberno de Feijóo estaría a mentir ao dicir que o illamento da persoa sospeitosa e de todos os integrantes da brigada se fixo de acordo cos procotolos sanitarios,  "posto que non foi ata o luns 31 cando lle comunicaron á brigada que permaneceran nos seus domicilios de maneira preventiva". 

Á parte, a formación afea á Consellería de Medio Rural que os bombeiros foron obrigados a traballar "aínda que a Xunta xa coñecía os contactos estreitos con persoas positivas en COVID-19 e o risco de provocar máis contaxios entre o persoal persoal do SPIF". "Se tal como afirma a Consellería, os protocolos sanitarios obrigan o illamento preventivo tras a primeira sospeita, medio rural incumpriu conscientemente o protocolo sanitario". 

PROTOCOLO INCOMPLETO

Dende o sindicato aproveitaron o acontecemento para criticar os "incompletos protocolos" de Medio Rural, que segundo defende "non contemplaban esta situación". Fronte a esta circunstancia, o sindicato segue a esixir a incorporación desta e outras situacións no texto, así como a súa modificación para "garantir a seguridade do persoal e a operatividade dos servizos públicos".

"O Conselleiro de Medio Rural tamén minte cando lle di á prensa que está aberto a negociar cos sindicatos un reforzo das medidas preventivas contra a COVID-19, posto que tras case un mes de requirimentos continuos da CSIF  de melloras preventivas e a petición en 5 ocasións dunha reunión extraordinaria do CSSL, a Consellería pechou os ollos e mirou cara outro lado", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta