Novo positivo por COVID doutro brigadista da cuadrilla municipal de Cualedro

"O propio brigadista que deu positivo foi o que nos dixo que estivera en contacto cun contaxiado, e en canto nolo dixo mandamos confinar aos compañeiros", explica o alcalde da localidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

Outro brigadista do dispositivo contra incendios forestais de Galicia deu positivo en covid-19, en concreto un profesional da cuadrilla municipal do concello ourensán de Cualedro.

Así o confirma en declaracións o alcalde, Luciano Rivero, quen explica que este caso positivo obrigou a pór en corentena ao catro compañeiros do traballador.

"O propio brigadista que deu positivo foi o que nos dixo que estivera en contacto cun contaxiado, e en canto nolo dixo mandamos confinar aos compañeiros", explica.

Pendente do resultado das probas, este municipio queda agora cunha única brigada municipal operativa. "Son circunstancias moi especiais, e ademais non hai xente, aínda que quixésemos cubrir (aos confinados), presentóusenos a xente xusta para montar as dúas brigadas e non hai capataces", apunta o alcalde.

Así as cousas, entende que, en caso de declararse un lume no seu concello, serán brigadas dos municipios limítrofes ou do servizo da Xunta as que reforzarán o servizo.

E é que durante este venres existe risco "extremo" de incendios forestais en Galicia, segundo advirte a Aemet, nunha xornada con altas temperaturas sobre todo na provincia ourensá.

DOUS NEGATIVOS NA LOURENZÁ (LUGO)

Nas últimas xornadas, a Xunta confirmou positivos en covid-19 en brigadas do seu servizo da Cañiza (Pontevedra), San Xoán de Río (Ourense) e A Lourenzá (Lugo).

Neste último municipio, ademais do positivo había outro cinco brigadistas en corentena e, polo momento, as probas deron resultado negativo para dous deles, segundo apuntan a Europa Press fontes da Consellería de Medio Rural.

Dúas sanitarias preparan probas PCR.. Carlos Castro - Europa Press
Dúas sanitarias preparan probas PCR.. Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta