Domingo negro de lumes: máis de 370 hectáreas arrasadas na Mezquita, no Pindo e Vilariño de Conso

O máis preocupante é o da Mezquita, con 240 hectáreas queimadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2020 | Actualizada ás 21:06

Comparte esta noticia

O incendio declarado na Mezquita segue activo, aínda que estabilizado, tras queimar xa 240 hectáreas, mentres que o da parroquia do Pindo, en Carnota, que queimou 70 hectáreas, está controlado desde as 18,03 horas deste domingo. O de Vilariño de Conso xa foi extinguido.

A Consellería do Medio Rural indicou que o lume da Mezquita entrou desde Portugal o sábado ao mediodía e afecta á parroquia de Esculqueira. Para controlalo mobilizáronse ata o momento 12 axentes, 28 brigadas, 13 motobombas, tres pas, 12 avións e nove helicópteros.

En canto ao incendio de Carnota, que comezou ás 7,33 horas deste domingo, afecta a sete hectáreas arboredos e 63 de monte raso, de acordo coas medicións provisionais. Ata o momento, mobilizáronse un técnico, nove axentes, 16 brigadas, 10 motobombas, unha pa, catro avións e catro helicópteros.

Os dous lumes que afectaban a dúas parroquias de Vilariño de Conso quedaron extinguidos ás 19,25 horas deste domingo, tras queimar 16,42 hectáreas na parroquia de Castiñeira e 45,39 hectáreas na de San Cristovo, todas de monte raso. Estes incendios comezaron o venres pola noite con tres focos en cada caso e na súa extinción participaron 12 axentes, 23 brigadas, nove motobombas e tres pas.

Incendio na Mezquita que procede doutro lume de Portugal
Incendio na Mezquita que procede doutro lume de Portugal | Fonte: Diario do Támega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GZ_3

É incrible, todos os veráns o mesmo. O certo é que o problema é complexo pero tamén é certo que a Xunta non ten resposta para atallalo, en 12 anos de Feijoo en vez de mellorar o problema medra cada ano... Un desastre de xestión!