Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/09/2020 | Actualizada ás 15:37
Axentes da Policía Nacional detiveron este luns a Juan Carlos Santórum, un arousán ao que as forzas de seguridade vinculan co alixo de máis de 4.000 quilos de cocaína transportados no buque 'Karar', e sobre o que pesaba unha requisitoria de ingreso en prisión (por unha pena pendente por un delito de revelación de segredos).
Segundo sinalaron fontes xudiciais, Juan Carlos Santórum pedira a suspensión dunha pena ditada pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra (2 anos de prisión por revelación de segredos, ao facerse con información reservada sobre a loita contra o narcotráfico, en colaboración con dous axentes da Garda Civil, que tamén foron condenados), pero esa petición foi desestimada.
Por iso, o pasado venres, a Audiencia Provincial notificou que non se suspendería a condena e ditouse unha requisitoria de ingreso en prisión. Dous días despois, o domingo, Santórum presentouse no xulgado de garda de Vigo, pero "por cuestións de tipo legal" neste órgano entendeuse non o podían enviar a prisión desde alí.
Cando este luns o arousán se ía presentar de novo ante os tribunais foi detido, en atención a esa requisitoria da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra. A detención foi comunicada ao tribunal provincial, encargado de xestionar o seu ingreso no cárcere.
Por outra banda, as investigacións policiais vinculan a Santórum co transporte duns 4.500 quilos de cocaína a bordo do buque 'Karar', que foi interceptado en pleno estado de alarma, o pasado 25 de abril, a unhas 400 millas de Vigo. Nesta operación detívose a 28 persoas, 15 a bordo do barco e 13 en terra, e informouse de que un dos xefes da organización, Santórum, estaba fuxido.
As pescudas sobre este alixo están coordinadas polo xulgado de instrución 3 da cidade olívica, aínda que fontes xudiciais precisaron que non constaba (polo menos este domingo) ningunha requisitoria deste órgano para a detención desta persoa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.