A Mesa denuncia que un premio convocado polo Ministerio de Igualdade exclúe traballos en galego

Trátase dos Premios contra a Violencia de Xénero a teses doutorais presentadas en calquera lingua cooficial diferente ao castelán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/09/2020 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística criticou ao Ministerio de Igualdade por excluír dos Premios contra a Violencia de Xénero a teses doutorais presentadas en calquera lingua cooficial diferente ao castelán.

Elsa Quintas, Marcos Maceira e Sara Seco, de A Mesa.
Elsa Quintas, Marcos Maceira e Sara Seco, de A Mesa.

Para a entidade, a delegada contra a violencia de xénero, Vitoria Rosell, respondeu a unha pregunta do deputado do BNG Néstor Rego "con tópicos e prexuízos contra os galegos", equiparando, na súa opinión, "as linguas oficiais do Estado diferentes do español con calquera lingua estranxeira".

Así, continúa A Mesa, Rosell "insiste en supeditar este dereito fundamental da cidadanía" a empregar a súa lingua oficial "ao carácter 'nacional' dos Premios e ao deber de todos os estudantes de coñecer a lingua castelá".

"A delegada confunde o deber de coñecemento do español fixado pola Constitución española cun suposto deber de uso", denuncia a vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, "e considera, por tanto, lexítimo coaccionar as persoas que cumpren todos os requisitos para presentarse a un premio público e forzalas a usar o castelán".

A resposta oficial ofrecida por Rosell, apunta A Mesa, asegura que "esixir que as teses doutorais estean redactadas en castelán" non é discriminatorio, porque "a presentación de estudos e traballos ao certame é unha actividade voluntaria, non un deber de carácter académico, e supón un extra nas súas carreiras e currículo". "Só podería considerarse discriminatorio", afirma, "no caso de que se tratase dun deber".

"Todo iso sen prexuízo de que as Comunidades Autónomas dentro do seu ámbito competencial, poidan convocar premios ou certames dirixidos a traballos realizados nas linguas cooficiais do seu territorio", continúa a resposta, o que A Mesa interpreta como que o Estado "premia unicamente a lingua española, e o resto das linguas oficiais quedan restrinxidas a aqueles premios e mencións que queiran ofrecer cada unha das comunidades autónomas. "Premios que, como saberá a responsable política deste ámbito", lembra Quintas, "nin sequera existen".

Para a entidade de defensa do galego, a resposta oficial "é unha auténtica burla a calquera principio de igualdade entre cidadáns e constitúe unha chantaxe que pretende forzar ao uso do castelán", asegura Elsa Quintas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

A Mesa non lle fagades nin caso, trátase dunha asociacion parafascista fanatizada nos supostos direitos do galego frente a liberdade das personas.