Temas: FRASEOLOXíA

“Morrer de cabo san”, para indicar que alguén finou de repente sen ser por accidente, crime, vellez nin doenza coñecida

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/09/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A ninguén lle escapa que o evidente devalo na transmisión xeracional da lingua galega, unido a –ou motivado por– factores tales coma a presión do castelán, a consideración que –tanto que sexa de xeito consciente coma inconsciente– non pouca xente ten do galego como lingua “pobre” ou de pouco prestixio social, a influencia cada vez maior das redes sociais e dos medios de comunicación de masas, a globalización como realidade que nos afecta a todos os niveis, etc., fai que día a día vaian minguando no seu uso real, e mesmo finalmente se acaben por perder, tanto certas palabras ou voces coma fraseoloxismos e xeitos de dicir propios da nosa lingua.

Arquivo - Cruces no cemiterio de Vos Eidos.. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Cruces no cemiterio de Vos Eidos.. Gustavo da Paz - Europa Press - Arquivo

Este é o caso da secuencia idiomática que hoxe reflectimos aquí, que dá conta de que alguén finou inesperadamente de morte non provocada por factores externos ou esóxenos (por exemplo, un accidente ou un asasinato), estando completamente sa (ou, cando menos, sen ter –ou sen se lle coñecer– ningunha doenza que fixese perigar a súa vida) e sen ser de morte atribuíble á vellez ou idade.

Morrer # Finar de cabo san

{= Finar inesperadamente unha persoa de morte non provocada por factores externos ou esóxenos (por exemplo, un accidente ou un asasinato), estando completamente sa (ou, cando menos, sen ter –ou sen se lle coñecer– ningunha doenza que fixese perigar a súa vida) e sen ser de morte atribuíble á vellez ou idade.}

Ex.: Ya lo ves: treinta y dos años y sano como una manzana, y va y se muere así de repente.

Xa o ves: trinta e dous anos e san coma un peixe, e vai e morre de cabo san.

NOTAS:

1. A secuencia expresiva obxecto deste artigo corresponderíase en contextos co castelán morir de muerte natural, cando esta fai referencia á morte biolóxica derivada de deterioración, doenza ou idade... morte esta para a cal en galego tamén temos a locución –normalmente asociada a ámbitos de uso non formais– morte morrida (fronte á morte matada, que é a causada por accidente ou crime, ou por algún outro factor que consideramos esóxeno –por exemplo, no caso de alguén finar por soportar durante un período de tempo longo unha situación vital de constante tensión, estrés ou asedio e destrución por parte dalgunha persoa ou entidade–).

Ex.:¿De qué murió? Pues de muerte natural.

¿De que morreu? Pois de cabo san de morte morrida.

2. As secuencias expresivas galegas reflectidas no presente artigo están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta