Feijóo pide ao Rei "axuda" para o Xacobeo mentres lle di que "a Sanidade seguirá sendo prioridade"

Feijóo abordou con Felipe VI outros "temas que interesan aos galegos", como "os problemas de Alcoa, das Pontes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2020 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou este martes ao Rei Felipe VI sobre a evolución da pandemia de coronavirus en Galicia, onde "a Sanidade seguirá sendo unha prioridade", e pediu a súa "axuda" para ampliar a celebración do Ano Santo Xacobeo debido ás dificultades pola crise sanitaria.

Así o manifestou, en declaracións aos medios tras a reunión co monarca no Palacio da Zarzuela, con motivo da súa reelección como presidente do goberno galego.

Núñez Feijóo informou a Felipe VI de que Galicia "segue loitando, con bastante eficacia" contra a pandemia, e lembrou que a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas con pacientes COVID nesta comunidade é do 3 %, fronte á media nacional, do 8,5 %. Así mesmo, apuntou que a porcentaxe de uso de camas de UCI e de unidades de hospitalización é entre un 80 e un 85 % menos que durante o peor da primeira onda de contagios, tendo agora un número de casos activos similar.

O presidente galego tamén incidiu na baixa taxa de contaxios por cada 100.000 habitantes en Galicia, e na baixa porcentaxe de afectados as residencias de maiores (un 1,1 % dos usuarios), á vez que sinalou que, xunto con Asturias e, nalgúns parámetros, con Andalucía, a comunidade galega está entre as que ten "menor impacto e maior control" da situación sanitaria.

Por outra banda, puxo en valor o traballo do comité clínico do Sergas, "con 35 profesionais con nomes e apelidos" de áreas como Epidemioloxía, Medicina Preventiva, Urxencias, ou Microbioloxía, que son "a chave do rigor co que se tenta xestionar a pandemia". "Fórono desde o 27 de febreiro, cando constituímos a comision interdepartamental da COVID no goberno; fórono desde o 1 de marzo, que empezamos a comprar respiradores e evitamos o colapso da UCI, e ségueno sendo porque todos mércores nos reunimos para tomar decisións", engadiu.

A SANIDADE, UNHA "PRIORIDADE"

Neste escenario, o titular do Executivo galego trasladou a Felipe VI que configurou un goberno "centrado en paliar os efectos da pandemia, cun compoñente social e económico moi importante". "A Sanidade seguirá sendo unha prioridade", proclamou Feijóo, quen reiterou que o seu obxectivo é que "o cento por cento" dos galegos teñan un centro de saúde ou hospital de referencia "novo ou ampliado".

En todo caso, o presidente da Xunta reiterou que "se debe contextualizar a pandemia con datos" e repetiu que, pese ao número de novos contagios diarios en España, "as claves son os hospitalizados e a ocupación da UCI". "Agora estamos nunha media do 8,5 % de ocupación de camas, son parámetros que podemos xestionar", afirmou.

PETICIÓNS AO MONARCA

Ademais da situación da pandemia en Galicia, Feijóo abordou con Felipe VI outros "temas que interesan aos galegos", como "os problemas de Alcoa, das Pontes" ou os proxectos 'tractores' cos que a Xunta pretende optar aos fondos europeos de reconstrución postCOVID.

Nesa liña, e "dado que o Rei é embaixador vitalicio do Camiño de Santiago", o presidente da Xunta pediu a Felipe VI a súa "axuda" para ampliar a celebración do Xacobeo ata xullo de 2022. A ese respecto, lembrou que, coa actual crise sanitaria, "hai dificultades para peregrinar e celebrar o Ano Santo, que empezará o 1 de xaneiro de 2021".

O Rei Felipe V (i) recibe en audiencia ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, con motivo da súa recente reelección. No Palacio da Zarzuela, Madrid, (España), a 15 de setembro de 2020.. Casa de S.M. o Rei
O Rei Felipe V (i) recibe en audiencia ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, con motivo da súa recente reelección. No Palacio da Zarzuela, Madrid, (España), a 15 de setembro de 2020.. Casa de S.M. o Rei | Fonte: Europa Press

ADMIRACIÓN POLA MONARQUÍA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, proclamou este martes o seu "agarimo e admiración" pola monarquía constitucional e valorou o papel da institución nos actuais momentos de dificultade pola crise derivada da pandemia de coronavirus.

Así o trasladou o xefe do Executivo galego tras manter un despacho co Rei Felipe VI no Palacio da Zarzuela, días despois de ser investido, por cuarta vez consecutiva, presidente da Xunta de Galicia.

Núñez Feijóo, que estivo reunido durante case 3 horas co monarca, sinalou que a conversación co Rei foi "moi leal e moi sincera", e manifestou o seu "agarimo e admiración" pola monarquía constitucional e polo Xefe do Estado.

Segundo subliñou, esta institución é "unha aposta segura para a España democrática". "Que mellor que a monarquía constitucional para momentos de dificultade e zozobra!", exclamou o presidente galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta