O Concello de Santiago pide "apoio" á Policía Nacional para frear as festas en pisos de universitarios

Feijóo apela á "responsabilidade" e a manter por agora as medidas restritivas na cidade para que a situación epidemiolóxica non empeore.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2020 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, situou como "prioridade" frear as festas de universitarios en pisos da cidade, así como a práctica do 'botellón'. Para logralo, subliñou que o Concello fixo un "reforzo notable" da Policía Local e tamén falou co delegado do Goberno, Javier Losada, para pedir o apoio da Policía Nacional.

Feijóo reúnese co alcalde de Santiago
Feijóo reúnese co alcalde de Santiago | Fonte: Xunta.

Tras reunirse co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o rexedor indicou que a situación mellorou na última noite, cando se produciron "só tres denuncias" por festas en pisos. "A fin de semana houbo 20", contrapuxo, antes de manifestar o seu desexo de que "oxalá se manteña" a tendencia á baixa.

Bugallo aludiu á situación epidemiolóxica e subliñou que "non pode haber festas en pisos nin botellón", xa que son "dúas cuestións a evitar". Feijóo, pola súa banda, celebrou a actitude do Concello e sumouse á petición de "responsabilidade" do rexedor.

"Pedimos responsabilidade aos universitarios que chegan", trasladou o presidente galego, pola súa banda, quen advertiu que o obxectivo último é evitar gromos da Covid-19 que poidan non só afectar á saúde pública, senón tamén provocar "dano económico" á capital galega.

"Quero agradecer ao alcalde o seu compromiso con velar polo uso de máscara, detectar festas e perseguir infraccións", trasladou.

Por outra banda, a pesar dunha melloría sostida no últimos tres días, as cifras de incidencia da covid-19 na cidade sitúanse "un pouco por enriba da media de Galicia", aínda que Feijóo precisou que está por baixo da media estatal.

En todo caso, mentres os datos non se sitúen na media galega, manterase o nivel actual de restricións, por "entender que isto é investir no futuro inmediato da cidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta