O PP vota en contra de financiar as máscaras para centros escolares logo de regalalas en precampaña

Xustifican a negativa aludindo a que as familias "xa tiveron que asumir ese gasto" antes da volta ás aulas.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

As familias galegas terán que custear as máscaras protectoras dos seus fillos en idade escolar logo de que o PPdeG rexeitase financialas con fondos autonómicos. O PP votou o pasado martes na Cámara en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba que o Goberno galego entregara máscaras ás crianzas que teñen que acucir aos centros escolares e outra do PSdeG que pedía que se fixera cargo dos gastos de limpeza dos centros, tal e como informa a TVG.

Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia
Feijóo, tras a reunión semanal do Consello.. Xunta de Galicia

Malia que a obrigatoriedade de portar máscaras vén definida polo protocolo da propia Xunta de Galicia, o PP rexeitou a proposta desoíndo as peticións do BNG, que instou ó goberno galego a "facerse cargo" do custo das máscaras ao ser "un elemento imprescindible para garantir o dereito fundamental á educación".

O rexeitamento do PP abrangue tamén a proposta do PSOE que esixía que fora a Administración autonómica quen asumira os "gastos de material, de seguridade e limpeza" derivados da adaptación dos protocolos covid-19 e que están a repercutir "no orzamento dos centros". Este conflito de competencias xa levantou as críticas de multitude de concellos, que no caso da provincia de Pontevedra acudiron á Deputación para subliñar que as competencias da limpeza corresponden á Xunta.

"XA TIVERON QUE ASUMIR ESE GASTO", DI O PP

A negativa do grupo do PPdeG impediu que prosperasen estas reclamacións. O parlamentario 'popular' Ovidio Rodeiro aduciu para rexeitar a proposta que o "impacto económico" que supón o uso de máscaras nas familias é anterior ao comezo da actividade escolar, dado que son obrigatorias en calquera outro contexto.

"Xa o tiveron e xa o teñen que asumir, vaian os nenos á escola ou vaian os nenos facer calquera outra actividade", declarou Rodeiro, que apuntou que sería máis apropiado demandar do Goberno central a "gratuidade" deste elemento de protección ou, polo menos, unha rebaixa do IVE aplicado sobre as mesmas. Neste aspecto cómpre lembrar que o Goberno central xa anunciou a dotación de máis de 800.000 máscaras para Galicia.

"Hai que axustarse máis á realidade das cousas", agregou o deputado nun rexeitamento que vén de incendiar as redes sociais. Os usuarios de Twitter non esqueceron que a negativa do PP a financiar as máscaras para o alumnado chega apenas meses despois de que, en precampaña electoral as regalara. A medida fora criticada no seu momento porque as máscaras, financiadas con case un millón de euros, ían envoltas no logotipo do goberno autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Luísa

O importante é a unidade de España. Que tipos! Nin Atila!

3 Moine

Existe melhor realidade que esta para expressar que um grande segmento da povoaçom galega é parv… e que entrega o pau de maçar o polvo ao seu carrasco.

2 Carlos Xunqueira de Ambía

Desfruten o votado

1 Sentidiño

A culpa é de Venezuela!