O Arquivo de Galicia celebra o seu décimo aniversario coa exposición 'Memoria dunha década'

Estará aberta ata o próximo 16 de outubro na Cidade da Cultura.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou este xoves na Cidade da Cultura a exposición 'Memoria dunha década', impulsada pola Xunta no marco do décimo aniversario do Arquivo de Galicia. En concreto, trátase dunha exposición que fai un percorrido polo traballo desta entidade desde a súa creación, no ano 2010, e que se poderá contemplar ata o próximo 16 de outubro no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.

Exposición Arquivo de Galicia
Exposición Arquivo de Galicia | Fonte: Xunta.

Durante a súa visita, o representante da Consellería de Cultura puxo en valor os dez anos de vida desta entidade "ao servizo da xestión documental e arquivística da Xunta". "Este arquivo foi concibido como cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia e naceu coa condición de arquivo intermedio e histórico dos diferentes órganos do Goberno galego", lembrou.

'Memoria dunha década' está configurada ao redor de 10 paneis que mostran algúns dos aspectos máis importantes da institución co obxectivo de visibilizar o seu papel e dar a coñecer o traballo que vén desenvolvendo desde a súa creación. Ademais, tamén mostran pezas dos fondos documentais custodiados no Arquivo de Galicia e agrupados por ámbitos temáticos. Concretamente, cinco dos paneis recollen mostras de fondos públicos e os outros cinco, documentos de fondos privados.

Os materiais expostos supoñen unha pequena mostra extraída das 182.839 unidades de instalación (caixas) que conforman os algo máis de 21 quilómetros de documentos do Arquivo. En total, móstranse máis de 90 documentos, que dan conta dos diferentes fondos, tanto públicos (da Administración autonómica), como privados (procedentes de persoas e familias, fundacións, empresas...) que conforman o patrimonio documental custodiado polo Arquivo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta