Alcaldes do Salnés reclaman que a Xunta lles dea "información diaria actualizada" sobre a pandemia

Así o explicou a alcaldesa de Meis e presidenta da Mancomunidade, a socialista Marta Giráldez, quen tamén lanzou unha "mensaxe de tranquilidade" á vez que reclamou á cidadanía que sexa "respectuosa, seria e que cumpra estritamente as medidas de seguridade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2020 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

Os alcaldes dos municipios que conforman a Mancomunidade do Salnés, a excepción do de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, mantiveron este domingo unha reunión de urxencia ante o aumento de casos de coronavirus na comarca e demandaron á Xunta que lles achegue "información diaria actualizada" da pandemia nos seus respectivos concellos.

Así o explicou a alcaldesa de Meis e presidenta da Mancomunidade, a socialista Marta Giráldez, quen tamén lanzou unha "mensaxe de tranquilidade" á vez que reclamou á cidadanía que sexa "respectuosa, seria e que cumpra estritamente as medidas de seguridade".

A reunión dos alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove e Meis --o de Vilanova desligouse do órgano desde que perdeu a Presidencia o ano pasado-- prodúcese días despois de que se detectase nunha fábrica de Avícola de Galicia (Avigal) 52 casos de COVID-19 entre o seu persoal, un brote que asciente ao total de 96 positivos se se contan os contagios asociados.

Esta circunstancia levou a que a Consellería de Sanidade impuxese desde este sábado no municipio de Vilanova, onde a maioría dos traballadores da planta residen, unhas restricións que xa rexían desde facía días no termo municipal de Vilagarcía.

Aínda que estes dous son os únicos concellos onde hai limitacións ata o momento, os alcaldes da comarca din estar "a disposición" da Xunta "para o que dispoña nun futuro", engadiu a presidenta, posto que é a Administración autonómica e non as locais "quen ten os datos" e a "capacidade" para facelo.

"UNHA FONTE OFICIAL DE DATOS"

Por isto mesmo, engade Giráldez, os rexedores demandan que "non pode ser" que "non teñan unha fonte oficial de datos" da pandemia en cada un dos municipios e que teñan que coñecelos "a través de consultas ou terceiras persoas".

"Necesitamos información todos os días, actualizada. Non a estamos tendo", insiste a alcaldesa de Meis, posto que os que contan con estas cifras son "só" os dous que teñen restricións (Vilanova e Vilagarcía): "Os demais témonos que buscar a vida".

En palabras da presidenta da Mancomunidade, se Sanidade non lles achega os datos, os concellos "non poden axudar á xente". Esta situación leva, engade, a que nestes momentos só poidan asistir a aqueles enfermos que están confinados e que lles piden "directamente axuda".

Sede de Avigal
Sede de Avigal | Fonte: avigal.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta