A maior parte das denuncias por violencia machista son de zonas costeiras de Galicia, segundo a Xunta

Galicia rexistrou 7.760 denuncias por violencia machista en 2024, 119 máis que en 2023. Os delitos de agresión sexual baixaron un 3,5%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2025 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou en 2024 un total de 7.760 denuncias por violencia machista --119 máis-- e 5.270 chamadas telefónicas ao 016 --2.193 máis--. En ambos os casos producíronse aumentos que a Xunta ve "unha boa noticia", porque se debe á maior "credibilidade" e "seguridade" que dan as vítimas ao sistema público de protección.

Son cifras ofrecidas este venres polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, na súa comparecencia na comisión 5ª, de sanidade, política social e emprego, do Parlamento galego para presentar a actividade do seu departamento durante o ano pasado. Sobre as chamadas ao 016, o director xeral explicou que se "aglutinan case sempre" en zonas costeiras. De feito, o 75% recibíronse desde as provincias da Coruña e Pontevedra.

En canto ás denuncias por violencia machista, o ano pasado presentáronse un total de 7.760 e solicitáronse 1.819 medidas de protección, das cales se concederon 1.183. Ademais, houbo en Galicia 5.800 mulleres no sistema de seguimento 'Viogen' e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) interveu en 1.826 casos, 126 máis que o ano anterior.

Sobre os delitos de agresión sexual, o director xeral subliñou que o ano pasado baixaron un 3,5%, ata os 792, cun descenso máis acusado --do 10%-- entre os que implicaron acceso carnal--. Ademais, o 42% das agresións sexuais localizáronse na provincia de Pontevedra. Con todo, estas cifras sitúan a Galicia "no cuarto posto" das comunidades autónomas con menor índice de crimes deste tipo, cunha taxa de 2,93 fronte aos 4,35 de media española. Así mesmo, avanzou que os primeiros datos de 2025 tamén permiten falar de "boas noticias", porque os delitos sexuais descenderon no primeiro trimestre e os de acceso carnal fixérono nun 20%.

OUTRAS ACCIÓNS

Así mesmo, o director xeral subliñou que a Xunta puxo en marcha en 2024 os centros de crises 24 horas, para atender a vítimas de agresións sexuais; e reforzou as campañas e accións divulgativas para concienciar contra a violencia machista, incluídos uns 175 centros educativos. Por exemplo, púxose en marcha formacións do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), do Sergas, da xustiza e das forzas e corpos de seguridade do Estado.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Na quenda dos grupos políticos, a oposición (BNG e PSdeG) aproveitou para reprochar ao director xeral o seu apoio --e o de diversos cargos da Xunta, incluído o seu presidente, Alfonso Rueda-- ao xa exconselleiro do Mar Alfonso Villares, quen dimitiu hai un mes por estar investigado por un suposto caso de agresión sexual.

Máis aló disto, a deputada do PSdeG Paloma Castro celebrou o incremento do 83% do número de denuncias "nos últimos anos" porque considera que son "avances da loita feminista", ao considerar que máis mulleres se atreven a denunciar "porque se senten máis amparadas polo sistema".

Por parte do BNG, a deputada Noa Presas tomou "con cautela" a redución dos delitos por violencia sexual en 2024, porque "non quere dicir" que se reducisen os casos, senón que pode estar relacionado co "rearmamento do discurso machista" e que haxa "menos mulleres" que denuncian estes casos porque a xustiza "continúa sendo un ámbito hostil".

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, na comisión 5ª, de sanidade, política social e emprego do Parlamento
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, na comisión 5ª, de sanidade, política social e emprego do Parlamento | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta