Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/04/2013 | Actualizada ás 21:17
Os lucenses saltaron á pista do Municipal coa cabeza alta trala consecución da permanencia a pasada xornada. Aproveitaron para celebrar coa súa afección a recente Copa Xunta acadada en Sarria fronte ó Santiago Futsal. Enfronte un Umacon Zaragoza que viaxaba a terras galegas para lograr tres puntos que lle achegasen á clasificación matemática para os 'playoffs' polo título. O encontro prometía ser un xogo para o desfrute dos seareiros, mais a tranquilidade só reinou na primera parte.
Un gol no primeiro minuto de Miguel puxo as cousas moi de cara para os maños, que ampliaron distancias no 12' grazas a unha boa xogada de Edu Duato. Cun cómodo 0 – 2 enfilaron os tuneis de vestiario coa certeza de ter dominado o partido.
Trala reanudación, o Azkar reviviu e amosou unha cara diferente á da primera metade. Juampe lograba recortar distancias nada máis comezar o segundo acto. Pero a reacción azulona foi cortada por Alvarito, quen puxo o 1 – 3 no marcador a 12 para o remate do encontro. Lonxe de botarse atrás, os pronistas tentaron a épica e no último minuto, no que de novo Juanpe recortaba distancias, os de Diego Ríos tiveron o empate ó seu alcance nunha última xogada que acabou en liorta.
Gris primeira parte local
O Azkar amosouse en exceso tranquilo no arranque de partido. Os azuis tardaron en tomar posicións, indecisión que aproveitou Umacon para adiantarse nada máis comezar o encontro. No minuto 1 da primera, Miguel facía o primeiro para os maños, ó aproveitar un erro de Illi. Un manso chut do ex-pronista colábase entre as pernas do canteirán.
A reacción local non chegou tralo gol, sendo as mellores oportunidades para Umacon, que cedo anotou o segundo de encontro, no 12'. O encargado de ampliar distancias foi Edu Duato, que logrou superar a Illi ó aproveitar un roubo de balón a poucos metros da área.
Preocupado pola situación, Diego Ríos pediu tempo morto a oito para o remate do primeiro tempo. A charla causou un efecto positivo nos seus xogadores. Os transportistas gañaron metros ó seu rival, o que fixo que gozasen de oportunidades máis claras.
O primeiro en tentalo foi Iago Rodríguez, quen no 15' vía como un bo disparo seu estrelabase no pao. Dous minutos despois era Solloso o encargado de meterlle o medo no corpo a Dídac, até o momento un mero convidado de pedra. As trabadas locais atoparon resposta nun tiro de Retamar dende o seu propio campo que, a piques estivo de sorprender a un adiantado Illi.
Malia estas ocasións o marcador non se moveu e os visitantes marcharon tranquilos cun momentáneo 0 – 2. Os lugueses retiráronse amolados despois dun mal primeiro tempo, onde Santi Herrero lle gañou a partida a Diego Ríos.
Unha segunda parte entolemiada
O comezo da segunda parte foi un calco do da primeira pero con diferentes protagonistas. O Azkar saiu como unha treboada e no primeiro minuto trala reanudación foi quen de recurtar distancias. Juanpe fixo o 1 – 2 ó rematar só un bo pase de Aramburu. A forza coa que os azuis sairon no segundo acto permitiulles recuperar o dominio do partido.
Co conxunto local volcado en ataque o dúo arbitral apareceu en escena. O primeiro en ver a amarela foi Diego Nuñez. Os nervios comezaron a facer mella no Azkar, ó mesmo tempo que o cansazo pasaba factura a ambos os dous conxuntos. Neste contexto o Azkar puido lograr a igualada da man de Jandri, pero este foi incapaz de aproveitar un roubo a Keny. Quen non errou foi Alvarito. Unha mala conducción de Iago Rodríguez foi interceptada polo segoviano para facer o 1 – 3.
A diferenza do sucedido na primeira metade, o Azkar artellou unha réplica ó mazazo recibido. Fíxoo con máis corazón que cabeza. Ó seu desacerto de cara o marco de Dídac tivo que engadirlle a polémica expulsión de Jandri, quen tivo que abandonar o partido tras ver dúas amarelas en menos de dous minutos, unha rigorosa decisión que deixou en inferioridade ós pronistas.
Umacon non puido aproveitar a superioridade orixinada e deuse unha e outra vez contra un muro chamado Óscar Iglesias. O meta xogou toda a segunda parte, na que deu un recital de paradas. A resistencia foi aplaudida pola afección.
Os apupos beneficiaron ó xogo dos locais. Estes repúxeronse do asedio sufrido coa recuperación do quinto xogador de campo, circunstancia que aproveitou Diego Ríos para solicitar o segundo tempo morto do partido. O técnico viuno claro e foi polo partido.
Así, a cinco para o remate do encontro, Cuco enfundouse a camisola de porteiro-xogador, e na primeira xogada baixo esta táctica o Azkar puido recortar distancias. Aramburu a piques estivo de batir a Dídac pero o seu disparo impactou na cruceta da meta maña. Despois deste susto, Azkar atascouse e foi incapaz de atravesar a barreira defensiva imposta por Umacon.
Tras unha traballada xogada, Juampe lograba reducir diferenzas poñendo o 2 – 3 no marcador. Mais facíao a 34 segundos para o final do choque, un lapso demasiado curto para lograr o empate. Con todo, os locais tentaron a épica.
Con tan só cinco segundos por disputar, un saque de banda botado en longo puxo en perigo a victoria de Umacon. Todos os xogadores pronistas subiron ó ataque, incluído Óscar Iglesias, pero ningún foi capaz de rematar con acerto. Tralo remate, incidentes e intercambio de palabras entre os colexiados e os xogadores do Azkar. Unha gresca que non pasou a maiores, pero que da boa fe da intensidade coa que se viven os partidos na LNFS.
Con esta vitoria, o Azkar segue décimo con 20 puntos. Os tres puntos permítenlle a Umacon abrir distancias con Marfil Santa Coloma, polo que teñen prácticamente asegurada a súa presenza nos 'play-offs' polo título. O próximo compromiso dos lugueses será en forma de derbi. Visitan a cancha do Burela Pescados Rubén nun choque no que os laranxas buscarán certificar matematicamente a súa permanencia.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 2: Illi, Cospe, Aranburu, Jandri y Juanpe, -quinteto inicial-, Cuco, Zala, Diego Núñez, Iago Rodríguez, Antonio Diz, Solloso y Óscar.
Umacon Zaragoza 3: Dídac, Carlos, Duato, Miguel y Chicho, -cinco inicial-, Víctor Tejel, Retamar, Alvarito y Keny.
Árbitros: Martínez Segovia e Sánchez Molina (Comité castellano-manchego). Amonestaron a Diego Núñez e Cuco (Azkar). Expulsaron a Jandri (Azkar).
Crónica de Denís Iglesias
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.