A Xunta urxe ao Goberno a licitar o dragado da ría do Burgo e alega que non hai "escusas"

A Delegación do Goberno di que a rexeneración da ría será unha "realidade".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/09/2020 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, instou ao Executivo central a licitar "xa" o proxecto da ría do Burgo e argumentou que non existen "escusas", despois de que a Xunta publicase este martes, no Diario Oficial de Galicia (DOG), o "compromiso de que cando se inicien os traballos de rexeneración quedarán en suspenso todos os plans de explotación marisqueiros nas zonas afectadas".

Así o expuxo nun un encontro cos medios de comunicación, ao que asistiron tamén a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Tras o encontro entre a Avogacía do Estado e a Asesoría Xurídica da Xunta, a consellería considerou "acreditado" que a Administración autonómica "non podía certificar a dispoñibilidade dos terreos para poder abordar a licitación da obra", como expuña inicialmente o Executivo. "Quedou acreditado que non o podía facer a Xunta porque son terreos de titularidade do Estado, que só podiamos suspender a actividade marisqueira no momento en que comecen as obras", reiterou.

Por outra banda, sobre o publicado no DOG, dixo que se fai como unha "mostra de boa vontade" por parte da Administración autonómica. "Non hai impedimento para licitar este proxecto e tentar executar a obra de maneira inmediata", insistiu. "Hoxe mesmo gustaríanos ver a remisión ao BOE da licitación", apostilou.

Ao fío diso, e a preguntas dos xornalistas sobre os fondos, lembrou que hai "unha partida de 24 millóns", á que se suman os fondos da Unión Europea. Mentres, asegurou que neste asunto a Xunta chegou a propor licitar o proxecto se lle tranfería o diñeiro o Goberno, pero engadiu que se rexeitou o seu plantemiento.

Reunión entre administracións para abordar o proxecto do dragado da Ría do Burgo. XUNTA
Reunión entre administracións para abordar o proxecto do dragado da Ría do Burgo. XUNTA | Fonte: XOAN CRESPO

DELEGACIÓN DO GOBERNO

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reiterou que a rexeneración da ría do Burgo será "unha realidade" esta lexislatura, tras celebrar "un novo paso que permite seguir avanzando", sinala despois da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), por parte da Xunta, "da orde que comprometeu hai 14 días e dá resposta ao trámite que o Executivo solicita desde marzo".

"Ao fin a Xunta realizou o que lle estamos pedindo desde hai meses". "Alégrome de que cumprisen coa legalidade e coas necesidades previas á licitación, isto permite seguir avanzando e que a rexeneración da ría do Burgo sexa unha realidade desta lexislatura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta