Cogami detecta un descenso do 56% na contratación de persoas con discapacidade durante a pandemia

As persoas maiores de 55 anos son as máis afectadas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) alertou este martes dun descenso importante nos índices de contratación deste colectivo desde o inicio da pandemia da covid-19. En concreto, segundo os datos que manexa o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de Cogami, desde a declaración do estado de alarma no mes de marzo e ata a primeira quincena do mes de setembro rexistrouse un descenso na contratación de persoas con discapacidade dun 56% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

As persoas maiores de 55 anos, apuntan, son as máis afectadas na perda de emprego coa aparición da covid-19, cunha baixada dun 71% nas contratacións.

En palabras de Anxo Queiruga, presidente de Cogami, "as persoas que tradicionalmente atopan máis problemas de acceso ao mercado laboral están a resultar ser tamén as máis afectadas nesta situación", isto é, persoas con discapacidade, maiores de 55 anos, mulleres e outros colectivos sociais "en risco de exclusión".

Con respecto aos outros grupos de idade, os que comprenden entre os 18 e 30 anos reflicten unha baixada dun 41% nas contratacións, mentres que na franxa de 31 a 54 anos rexístrase un descenso dun 54% no número de contratos.

En canto ao territorio, a provincia de Pontevedra é a que rexistra un maior descenso na contratación de persoas con discapacidade, contabilizando unha baixada do 63% con respecto ao mesmo período do ano anterior, seguida da provincia de Ourense, cun 60% menos.

Pola súa banda, na da Coruña rexístrase un descenso do 51% e na de Lugo producíronse un 46% menos de contratos a persoas con discapacidade.

Ante esta situación, Cogami fixo un chamamento ás empresas e administracións públicas para que "non baixen a garda á hora de ofrecer oportunidades laborais a persoas que sempre experimentaron en primeira persoa os efectos negativos das crises", lembrou Queiruga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta