Por Galicia Confidencial | Lugo | 16/04/2013 | Actualizada ás 17:30
A sociedade civil ten que atender, novamente, para protexer os bens e o patrimonio de Galicia. Acontece con numerosas asociacións do país e mesmo hai xa creada unha organización, patrimoniogalego.net, encargada de catalogar e inventariar todos os bens de Galicia.
Por iso, a asociación O Sorriso de Daniel decidiuse a intervir en Santo Estevo de Ribas de Sil ante o abandono dun das súas máis famosas ábsidas. Por iso, puxeronse en contacto coa Diócese de Ourense, co cura de Santo Estevo de Ribas de Sil, co Director do Parador de Santo Estevo e coa familia que é propietaria da finca.
Facer o lugar visitable
Logo destas conversas chegouse ao compromiso de que, unha vez que a asociación se encargue da limpeza da abside, os visitantes que así o queira poderán este verán chegar ao pé dos muros e disfrutar desta marabilla do románico. " Farémolo en primeiro lugar porque as escorrentías de auga que baixan da finca están tupindo a canle de drenaxe que rodea a igrexa e tamén porque é imprescindible para facela visitable. Nós daremos este primeiro paso para que se cumpra o soño de que a derradeira porta de Santo Estevo de Ribas de Sil quede aberta", explican desde a Asociación.
Por iso, organizan para este sábado, 20 de abril ás 11.00 horas diante do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil unha xornada de voluntariado patrimonial para limpar a zona. Recomendan traer calzado para andar sobre terra moi mollada e tamén "algo como un sacho, un enciño, unha desbrozadora, unha gadaña, unha tesoura de podar e luvas". Os interesados poden contactar coa organización en osorrisodedaniel@gmail.com
"E se non queres vir traballar pero queres aproveitar para pasar a ver a ábsida e queres tamén traernos unha palabra de alento serás moi ben recibido/a. Fai falla de todo", sinala O Sorriso de Daniel. En todo caso, o traballo non rematará o día 20.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.